A UIE desenvolverá no seu campus de Vigo o primeiro mestrado executivo da península ibérica sobre xestión de produtos do mar
Axudar a «internacionalizarse e crecer de forma sostible á industria derivada dos produtos do mar» é un dos obxectivos do Executive Master in Seafood Management que presentou esta tarde a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE). Este máster executivo para profesionais é pioneiro en España e Portugal. «Un dos nosos propósitos reside en impulsar o inmenso potencial de Galicia como motor empresarial e industrial», lembrou o secretario xeral da UIE e membro do seu Consello Reitor, Pedro Otero, durante a presentación do programa. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares; e o director xeral comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa; participaron no evento.
O Executive Master in Seafood Management vén cubrir unha carencia na oferta formativa no sur de Europa dirixida á mellora das competencias de xestión dos profesionais de toda a cadea do sector do mar. O alumnado estudará materias como gobernanza de mares e océanos, a situación mundial de pesca e acuicultura, o proceso de transformación e operacións ou a situación do mercado internacional de produción e consumo. Tamén en materias como financiamento, fiscalidade ou liderado, pero con contidos especializados para a industria pesqueira. E en sostibilidade, por suposto.
Visión internacional e estancia en Noruega
«O máster executivo é o resultado dun proxecto de colaboración entre ABANCA e UIE construído man a man cos axentes máis importantes da industria de produtos do mar», lembrou durante a presentación o director do Executive Master in Seafood Management, Javier Fraga. Tamén director de ABANCA Mar, Fraga referiuse, ademais, á visión internacional do proxecto. Xa non só pola composición do seu claustro, senón tamén pola do alumnado. O programa ten tamén o obxectivo de atraer a directivos doutros países que queiran continuar mellorando e actualizando a súa formación.
A formación do Executive Master in Seafood Management da UIE complementarase cunha estancia internacional en Noruega, un dos países referentes na industria do seafood. A estancia foi deseñada en colaboración coa NHH Norwegian School of Economics.
Sostibilidade e ODS
Ademais do seu marcado carácter executivo, a innovación e sostibilidade estiveron entre os termos amplamente citados durante a presentación do programa formativo. E durante a mesa redonda posterior na que participaron expertos e profesionais de primeiro nivel no panorama da pesca en España.
Tamén á sostibilidade, e á súa relación coa esencia académica do Executive Master in Seafood Management, referiuse Pedro Otero. Porque o avance no sector de produtos do mar, sinalou o secretario xeral de UIE, «demanda encontros interculturais e enfoques que sitúen a sostibilidade no centro de todas as súas actuacións, porque necesitamos seguir construíndo futuro».
Os 6 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) relacionados co mar están aplicados «de forma totalmente directa», sinalou Otero, no máster executivo. Trátase da protección da vida mariña, as industrias e contornas sostibles, do crecemento económico sustentable, a educación de calidade e a consolidación de alianzas.
Na mesa redonda sobre retos de futuro do sector participaron, o secretario xeral de CEPESCA, Javier Garat, o consultor especializado de ASC and MSC standards Marcelo Hidalgo, e dous representantes de dúas empresas viguesas líderes do sector en España: Alberto Aciñeiras, de IBERCONSA, e Marta Otero de Nova Pescanova. O director do Executive Master in Seafood Management, Javier Fraga, encargouse de moderala.
Programas de UIE
UIE imparte catro graos, simultaneamente nos seus campus da Coruña e Vigo: Ingeniería en Sistemas Inteligentes, Administración de Negocios Digitales, Administración y Dirección de Empresas, e Ingeniería de la Empresa. Esta última, tamén é pioneira no sistema universitario español. Ademais, imparte dous másteres universitarios: Tecnoloxía e Intelixencia de Datos empresariais e Dirección e Administración de Empresas. Tamén ten na súa oferta formativa diferentes títulos propios de posgrao e de Executive Education, de educación continua e InCompany.
Cun innovador modelo académico e de ensino-aprendizaxe que combina os sistemas de educación superior europeo (Bolonia) e anglosaxón, a Universidade Intercontinental da Empresa é unha universidade de vangarda, privada e de servizo público, sen ánimo de lucro e comprometida co desenvolvemento sostible da sociedade, da cultura e da economía galega.
Imaxes dispoñibles nesta ligazón.