A Sinfónica de Galicia interpretará temas de Bartók e Halvorsen na tempada de abono de Afundación
O pasado 11 de xaneiro, a Real Filharmonía de Galicia inauguraba a tempada de abono de música clásica 2024 de Afundación en Vigo. A outra gran formación orquestral galega, a Sinfónica de Galicia (OSG), será a que se suba ao escenario do Teatro Afundación o xoves 30 de maio. Coa actuación da OSG, a tempada alcanza a súa ecuador. Os concertos regresarán no outono. Desde o mes de xaneiro, a tempada de abono do Teatro Afundación programou un total de 8 concertos que rexistraron altos niveis de asistencia de público. As últimas entradas para o concerto do 30 de maio están dispoñibles en Ataquilla.com.
A OSG chega a Vigo dirixida por Juanjo Mena e acompañada polo solista de viola Joaquín Riquelme. Interpretarán o Concerto para viola e orquestra do compositor híngaro Béla Bartók (1881 - 1945) e a Sinfonía nº 1 en do menor do noruegués Johan Halvorsen (1864 – 1935).
Mena e Riquelme
O director vitoriano Juanjo Mena (1965) colabora habitualmente coa Orquestra Sinfónica de Galicia. Premio Nacional de Música 2016, foi director principal de orquestras coma a Filarmónica de Bergen ou a BBC Philharmonic. Tamén traballa con boa parte das formacións orquestrais de Europa e América. Nunha delas, a Filarmónica de Berlín, dirixiu en anteriores ocasións ao intérprete de viola Joaquín Riquelme (Murcia, 1983). Membro titular da Filarmónica de Berlín desde 2010, Riquelme tamén actúa habitualmente como solista con outras orquestras de España e Europa. Toca unha viola de 1780 cedida pola fundación dos Freunde der Berliner Philharmoniker.
A tempada de abono de Afundación forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto por Afundación en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos. Os asistentes ao concerto poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin no Teatro Afundación de Vigo.
Imaxes dispoñibles aquí.