A Sinfónica de Galicia clausura esa edición da Tempada de Abonos de Clásica do Teatro Afundación
A Sinfonía n.º 5 en si bemol maior de Anton Bruckner soará mañá, 11 de decembro, no Teatro Afundación interpretada pola Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG), que comparecerá dirixida por Josep Caballé Doménech. O concerto servirá para clausurar a Tempada de Abonos de Clásica da Obra Social de ABANCA en Vigo. As persoas que non dispoñan de abono e queiran asistir poden buscar as súas localidades en Ataquilla.com. Apenas quedan butacas dispoñibles.
Desde o pasado mes de xaneiro, a Tempada de Abonos de Clásica do Teatro Afundación programou un total de 10 concertos. As persoas asistentes puideron gozar de sesións musicais coa Orquesta Sinfónica de Galicia, a Hamburger Elbphilharmonisches Sextett, a Real Filharmonía (RFG) e o Orfeón Terra A Nosa.
A Tempada de Abonos fixo comparecer sobre o escenario do Teatro Afundación directoras e directores de diferentes países e solistas que tocan habitualmente xunto a algunhas das mellores orquestras do planeta. Mesmo houbo estreas mundiais. As persoas que asisten a estes concertos poden facelo mercando abonos bonificados ou adquirindo entradas soltas cando quedan dispoñibles. O equipo de Cultura de Afundación traballa xa na nova Tempada de Abonos de Clásica, que comezará a inicios de 2026.
A presenza das composicións do austríaco Anton Bruckner (1824-1896) é unha constante nos repertorios das principais orquestras do mundo. Bruckner foi un dos grandes creadores musicais do romanticismo en Alemaña. Escribiu a Sinfonía n.º 5 en si bemol maior entre 1875 e 1878, na súa frutífera época vienesa.
«Cultura por alimentos»
A Tempada de Abonos de Clásica do Teatro Afundación forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolvido pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes aos concertos poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin no Teatro Afundación de Vigo. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Vigo e a súa área de influencia.