
A Sede Afundación A Coruña acolle «O debuxo é o Camiño», unha mostra coa Xunta de Galicia
04.05.2022. Afundación, a Obra Social de ABANCA, acolleu na súa Sede Afundación A Coruña hoxe a rolda de prensa de presentación da mostra «O debuxo é o Camiño: o Camiño Inglés», coa Xunta de Galicia, a través do Xacobeo. A ela acudiron Gonzalo Trenor, Delegado da Xunta de Galicia na Coruña; María Teresa Cores, coordinadora de Cultura de Afundación; Cecilia Pereira Marimón, comisaria Xacobeo Galicia; e Gema Sesar, comisaria da mostra e directora de El Patito Editorial.
As imaxes están dispoñibles aquí.
https://drive.google.com/drive/folders/1SDhvWMI-dU04-3YvtSdoP67_dlzWTgcx?usp=sharing
Esta exposición, articulada polas ilustracións realizadas polas artistas irlandesa e catalá, respectivamente, Róisín Curé e Maru Godás na súa peregrinación por tramos do Camiño Inglés desde Ferrol ata Santiago, enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.
Ata o 21 de maio, en horario de luns a sábados 12.00 a 14.00 e 17.00 a 21.00 h, poderase ver esta mostra enmarcada nas propostas que se desenvolven co gallo do Xacoeo.
Durante unha semana de agosto de 2021, a artista catalá Maru Godás e a irlandesa Róisín Curé percorreron o Camiño Inglés desde Ferrol —cunha primeira parada na Coruña— para facer unha peregrinación debuxada. Como resultado, as ilustracións que se poden ver nesta mostra e mais unha gravación da viaxe que amosa case en directo o que as artistas vivían e debuxaban en cada lugar.
Maru Godás
Ilustradora freelance e cadernista, leva máis de 18 anos traballando non mundo da animación, a tipografía, o deseño web e a fotografía. É unha das debuxantes españolas máis recoñecidas no ambiente dos sketchers. Colaborou con Planeta de Agostini, RBA ou National Geographic, e publicou libros ilustrados, como Parque Güell de Barcelona ou o seu último título, Belleza Orgánica, editado por Gustavo Gilli, que xa vai pola terceira edición e ten traducións a italiano e inglés. É membro dos Urban Sketchers e instrutora internacional, o que a levou a dar talleres de debuxo en California, Porto, Illa Reunión, Clermont-Ferrand... Ademais foi unha das primeiras ilustradoras de cadernos en entrar no exclusivo club de debuxo de Domestika, onde o seu curso de gouache en só dous meses conseguiu enganchar 4000 alumnos. Neste momento está a preparar un terceiro curso que se impartirá a finais de 2022.
Róisín Curé
Descubriu o debuxo urbano en 2012 e, desde entón, un bulebule de cores e liñas estendeuse pola súa vida. A ilustración de viaxes é a súa profesión e a súa identidade. Impartiu clases de debuxo en distintos países e publicou oito libros das súas viaxes polo mundo, entre eles An Urban Sketcher’s Galway, tamén escrito por ela. Para o último, Dublin in Sketches and Stories, percorreu durante un ano a cidade de Dublín cun caderno nas mans, anotando e debuxando todo aquilo que lle parecía atractivo para facer unha guía diferente dunha cidade tan coñecida. É membro do colectivo Urban Sketchers e, desde o ano 2013, imparte workshops en moitas das súas citas internacionais.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.