
A Real Filharmonía de Galicia interpretará no Auditorio Afundación pezas de Vaughan Williams, Jean Sibelius e Eduardo Soutullo
A Real Filharmonía de Galicia (RFG) preséntase no Auditorio Afundación de Pontevedra o vindeiro 11 de outubro cun programa que contén obras de Ralph Vaughan, de Jean Sibelius e do compositor vigués Eduardo Soutullo. Estará á fronte da formación musical compostelá o seu director asistente, o estadounidense Sebastián Zinca. Participan, ademais, intérpretes en formación da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia (EAEM). As entradas para este concerto, que se desenvolve en colaboración coa Sociedad Filarmónica de Pontevedra, están dispoñibles en Ataquilla.com.
O concerto comezará con All the echoes listen, de Eduardo Soutullo. O compositor galego escribiu para esta peza unha partitura que ten como eixes principais a liberdade compositiva e a exquisitez sonora. A obra de Soutullo goza dunha importante consideración en diferentes países. En España, foi Premio Nacional de Música no ano 2023. Hai tan só uns meses, en marzo deste ano, a súa composición Elegía foi estreada no XXII Concerto In Memoriam por las Víctimas del Terrorismo da Orquestra Sinfónica e Coro de RTVE.
Dúas obras de 1910
Despois da interpretación de Elegía, a RFG volverá sobre dúas obras do ano 1910. A primeira é Fantasía sobre un tema de Thomas Tallis, de Vaughan Williams. Inspirada nunha creación do século XVI, a obra tamén é coñecida polo gran público porque foi parte da banda sonora de filmes coma Remando al viento, de Gonzalo Suárez, ou a película estadounidense Master and Commander.
A Cuarta Sinfonía do músico finés Jean Sibelius, contemporánea de Fantasía sobre un tema de Thomas Tallis, completa o programa. A obra está considerada como enigmática e excepcional dentro do ciclo sinfónico Sibelius, que consta dun total de sete composicións.
Sebastián Zinca dirixe
Estadounidense con ascendencia peruana e romanesa, Sebastián Zinca foi elixido o pasado ano no concurso internacional para o posto de director asistente da Real Filharmonía. Levará a batuta no concerto do 11 de outubro no Auditorio Afundación de Pontevedra.
Zinca completou os seus estudos de dirección na Academia Sibelius de Finlandia, onde debutou como director invitado coa Orquestra Sinfónica de Oulu e dirixiría as formacións orquestrais máis importantes do país. Tamén actuou con orquestras dos Estados Unidos de América, Finlandia, Alemaña, Hungría, Romanía, España, Italia e a República Checa.
Máis propostas
O concerto é unha das propostas que conforman a programación do Auditorio Afundación de Pontevedra para os últimos meses do ano. É parte dunha oferta cultural composta, ademais, por 5 obras de teatro, 4 musicais, 3 concertos, 2 espectáculos a cargo do ucraíno Ballet de Kiev, e 2 galas de ilusionismo.
Algúns dos espectáculos son parte do programa «Cultura por alimentos», desenvolvido por Afundación e a Federación Española de Bancos de Alimentos. Os asistentes poderán levar produtos non perecedoiros que serán repartidos entre familias en risco de exclusión. Os contedores de recepción de alimentos sempre están dispoñibles nas sedes de Afundación.
Imaxes dispoñibles nesta ligazón.