A programación cultural de Afundación, un referente na inclusión da discapacidade que continuará neste novo curso
A Obra Social de ABANCA é unha entidade cun sólido compromiso social que, na área de cultura, se traduce na programación de actividades deseñadas desde unha perspectiva inclusiva, na que todas e todos contamos. Deste xeito, alén de desenvolver iniciativas específicas para os públicos con discapacidades, o propósito de Afundación reside en favorecer as propostas integradoras nas que nos atopemos nas nosas diferenzas e parecidos. Con esta vocación inclusiva, ao longo do curso pasado, máis de setenta e cinco mil persoas participaron nos programas que desde Afundación se desenvolveron nesta liña e que abrangueron disciplinas como a danza, a música, a plástica ou as artes escénicas, e que propiciaron que a Obra Social de ABANCA estea presente en comunidades como Estremadura, Castela e León ou Asturias.
Neste novo curso, Afundación continuará dinamizando as propostas que, conxugando cultura e inclusión, favorezan o avance e o progreso cara a unha sociedade máis cohesiva.
O material gráfico está dispoñible aquí.
Música a flor de pel
«Música a flor de pel» está deseñado a partir do coñecemento dos beneficios que a música en directo achega para a xestión das emocións, a diminución de medos e tensións, o desenvolvemento sensorial e perceptivo, o fomento da creatividade ou o reforzo da comunicación, entre outros. Ás propostas de música tradicional e popular de Carlos Quintá e do grupo De T@apas, da Fundación Igualarte, súmase a actuación do músico e experto en percuterapia Pedro Campos. Trátase dunha actividade desenvolvida nos centros de educación especial e que demandan, en todas as súas edicións, a totalidade deles.
Todas e todos contamos
Esforzo, empatía, aceptación da diferenza, respecto ou reforzo da autoestima son algunhas dos ensinos presentes en «Todas e todos contamos», unha actividade impartida por persoas con diversidade funcional que, ao apelar á nosa sensibilidade afectiva e emocional, favorece o avance cara a unha sociedade equitativa, xusta e diversa que dinamice o establecemento de relacións interpersoais. Esta innovadora proposta pon en valor a diversidade como elemento de enriquecemento social e persoal, fomenta a inserción laboral de persoas con diversidade funcional e promove a súa autoestima e confianza ao exercer un rol activo na sociedade.
Artes escénicas para escolares
A través de propostas innovadoras, que o equipo de Afundación selecciona con atención á ética da mensaxe, a solidez argumental e o coidado na representación e escenografía, as obras de teatro presentadas por Afundación procuran abrir temas de debate e abordar cuestións actuais de interese para o público escolar e que, ademais, ábrense para incluír representacións signadas para facilitar a participación nesta programación do alumnado con discapacidade auditiva. Neste curso representaranse obras como O mundo está roto, pero pódese camiñar, centrada na xestión do doo na infancia; Soños, enfocada á mocidade tutelada; ou Ninja, sobre o acoso escolar.
Obradoiros paralelos ás exposicións de Afundación
Na práctica totalidade das mostras, xa sexa en centros da Obra Social de ABANCA ou en espazos de terceiros vinculados a proxectos como «Corrente cultural», Afundación deseña completos programas didácticos específicos para cada exposición que atenden as particularidades das diferentes etapas educativas e vitais dos públicos en idade escolar que visitan as mostras de Afundación.
«Educación século XXI»
As conferencias e encontros que Afundación propón anualmente no marco deste foro abordan desde problemáticas ata innovacións que se producen no contexto escolar, familiar e de relación. Así, e desde unha comprometida visión social, a Obra Social de ABANCA promove a necesidade de falar sobre a marxinación e exclusión das discapacidades, os prexuízos das situacións de acoso, tanto presenciais como en redes, os riscos do suicidio entre adolescentes, as dependencias que xeran tanto dispositivos como substancias ou a atención á saúde mental nos centros educativos. Neste novo curso contaremos cos relatorios, entre outros, de Arun Mansukhani, Jero García e cunha atención especial á saúde mental cos monólogos de «Esas cousas marabillosas».