A Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia ofrece un concerto no Auditorio de Afundación
Composicións de Verdi, Mozart e Chaikovski. É a proposta da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia para o seu concerto do vindeiro 8 de xaneiro, ás 20.30 horas, no Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra. A Sociedad Filarmónica de Pontevedra co-organiza o concerto coa Obra Social de ABANCA. Baixo a dirección de José Trigueros, a formación abordará un programa no que será solista o clarinetista Álvaro Ferrer. As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com.
O concerto comezará coa obertura de La forza del destino de Giuseppe Verdi. Despois, a Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia interpretará o célebre Concerto para clarinete e orquestra en La maior K 622 de Wolfgang Amadeus Mozart. A sesión musical terá por peche a monumental Sinfonía nº 4 en Fa menor, op. 36 de Piotr Ilich Tchaikovsky.
Tres obras mestras
Verdi compuxo a ópera La fuerza del destino para o Teatro Imperial de San Petersburgo. A obertura é unha longa e dramática introducción á ópera que anuncia o drama a través dunha sabia utilización temática. Os poderosos toques dos metais simbolizan a chamada do destino.
O clarinetista Álvaro Ferrer, formado na Coruña, e a Xove Orquestra, interpretarán despois o Concerto para clarinete e orquestra en La maior K 622, que Mozart escribiu nas últimas semanas da súa vida para o clarinetista Anton Paul Stadler, compañeiro de loxia masónica. A partitura orixinal destinouse ao clarinete di bassetto, un instrumento con características técnicas distintas ao clarinete actual.
A segunda parte do concerto estará dedicada integramente á Sinfonía núm. 5 de Piotr Ilich Chaikovski. Composta en 1877, Chaikovski adicoulla á súa benefatora, a señora Von Meck.
A Orquestra Xove
A Orquestra Xove funciona como un elo fundamental entre os conservatorios e o mundo profesional. Permite aos intérpretes galegos medrar nun ambiente de esixencia e alto rendemento. Dende a súa fundación en 1994, a Orquestra Xove permite a novas xeracións de instrumentistas de Galicia completar a súa formación musical participando en espectáculos operísticos e concertos sinfónicos. É ademais, hoxendía, a canteira da que saen a maior parte dos intérpretes da Sinfónica.
O concerto forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolvido pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). As persoas que asistan ao Auditorio da Sede de Afundación poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos colectores habilitados no acceso. Estas doazóns serán distribuídas polo Banco de Alimentos local entre familias en risco de exclusión de Pontevedra e a súa contorna.
Imaxe da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, nesta ligazón