A Orquesta Sinfónica de Galicia, a Real Fliharmonía de Galicia e o Orfeón Terra A Nosa, na Tempada de Clásica de Afundación
Cando o día 9 de decembro remate o concerto do Orfeón Terra A Nosa, cun repertorio con temas do coruñés Marcial del Adalid (1826-881) e do austríaco Anton Bruckner (1824-1896), a Tempada de Música Clásica do Teatro Afundación terá congregado ao público en 11 sesións músicas diferentes programadas dende xaneiro. Os abonos para os concertos dos meses de outubro, novembro e decembro estarán dispoñibles ata o vindeiro 8 de setembro en Ataquilla.com.
Antes do peche da Tempada de Clásica a cargo do Orfeón Terra A Nosa, a Sinfónica de Galicia (OSG) e a Real Filharmonía pasarán polo escenario do Teatro Afundación. A OSG farao o 17 de outubro dirixida por Anja Bihlmaier (Schwäbisch Gmünd, Alemaña, 1978) e acompañada polo violinista Serguei Khachatryan (Ereván, Armenia, 1985). Ofrecerá a Sinfónica, no primeiro dos concertos da Tempada de Clásica de Vigo logo da parada do verán, un repertorio clásico: temas de Johannes Brahms e Ludwig van Beethoven.
Estrea absoluta
Xa o 8 de novembro, e co seu director titular, Baldur Brönnimann, na batuta, a Real Filharmonía (RFG) de Galicia chegará ao teatro da Obra Social da ABANCA en Vigo para estrear a obra Ceci n’est pas une valse, da compositora barcelonesa Raquel García-Tomás (1984). A peza é unha encarga da RFG, o Palau de la Música Catalana, a Orquestra Sinfònica del Vallès e a Fundació Catalunya-La Pedrera. García-Tomás recibiu o Premio Nacional da Música en 2020. Foi ademais a segunda compositora da historia que estreou unha ópera no Gran Teatre del Liceu.
A Sinfonía núm. 4 en mi bemol maior «Romántica» de Anton Bruckner completa o programa do concerto de Real Filharmonía de Galicia do mes de novembro.
Outra creación de Bruckner, o Salmo 22: Der Herr regieret mich und nichts WAB34, servirá tamén para pechar o concerto final da Tempada, o do Orfeón Terra A Nosa do 9 de nadal. O orfeón estará dirixido no concerto de peche da Tempada de Clásica do Teatro Afundación de Vigo por Luis Martínez e acompañado polo pianista Juan Manuel Varela. Comparecerán como solistas Aida López, Aida Cruz e David Ferreiro.
Os tres concertos comezarán ás 20.00 h. Forman parte do programa solidario «Cultura por Alimentos». As persoas asistentes aos espectáculos poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos colectores habilitados para tal fin. As doazóns serán repartidas entre persoas e familias vulnerables de Vigo e a súa área de influencia. «Cultura por Alimentos» é un programa desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos.
Imaxes dispoñibles nesta ligazón.