A mostra «Un mosteiro, un mar de historia(s)», na Sede Afundación Vigo
Fundación Bretal e o Mosteiro de Oia inauguraron esta mañá na Sede Afundación Vigo a exposición «Un mosteiro, un mar de historia(s)», cun acto no que participaron, ademais de Xoán Martínez, presidente do padroado da Fundación Bretal, María Teresa Cores, coordinadora da área de Cultura de Afundación, e Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, en representación das entidades colaboradoras no proxecto.
«Un mosteiro, un mar de historia(s)» permanecerá ata o 5 de outubro na Sede de Vigo de Afundación, a Obra Social de ABANCA, para profundar como nunca antes se fixo, nos episodios menos coñecidos da historia do Mosteiro de Oia, que pertenceu á orde do císter e cuxo devir está intimamente ligado aos principais acontecementos históricos de Galicia.
Segundo Sarah Barbará, comisaria da exposición «o Mosteiro de Oia é o protagonista absoluto dun mar de historias, que se entrelazan ao longo de 875 anos e que son o fío argumental dunha apaixonante exposición».
Dirixida a públicos diversos, a exposición profunda con rigor científico na historia posibilitando un achegamento intelectual, potencia unha experiencia sensitiva e estimula o visitante desde un novo carácter interactivo. Ademais, presenta este monumento —Ben de Interese Cultural desde 1931— como punto focal de acontecementos desde o medievo ata a época contemporánea, destacando a súa relevancia arquitectónica e a relación co territorio. O seu legado cobra vida nesta proposta impulsada por MARE —propietario do mosteiro desde 2004— a través da Fundación Bretal, que aposta por unha xestión baseada na conservación, a divulgación do patrimonio e a posta en valor da cultura local.
Entre os bens que se expoñerán por primeira vez, destaca o Tombo de 1739, cartulario orixinal que repasa os principais fitos da historia do mosteiro (dixitalizado co gallo desta mostra), un escudo de armas do século XVII que sae do seu depósito no Museo de Pontevedra, un manuscrito orixinal proveniente dunha colección particular e edicións facsímiles do Arquivo Nacional. Entre os testemuños máis recentes, poderase ver unha conmovedora selección de grafitos realizados polos presos republicanos durante a Guerra Civil, testemuño do período no que o edificio funcionou como campo de concentración.