
A mostra «Cromática» incorpora unha innovadora App que permite mergullarse no seu contido na sala e a distancia
20.11.2020. A III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC), «Cromática», que se pode visitar ata o 13 de febreiro na Sede Afundación de Santiago de Compostela, engade un novo aliciente para gozar dos seus contidos coa incorporación dunha innovadora App, desenvolta pola empresa galega Kappowsky S.L. A aplicación é unha completa guía interactiva que enriquece o percorrido na sala de exposicións con contidos multimedia, información sobre os artistas e ligazóns ás webs dos ilustradores e ilustradoras que participan neste proxecto. Unha perspectiva que tamén pode apreciar o visitante en liña desde calquera lugar do mundo a través dunha visita virtual 360º, facilitando así o acceso á cultura no contexto actual de restricións de aforos e mobilidade.
A App, dispoñible en galego, castelán e inglés, con descarga gratuíta para os sistemas operativos Android e iOS, conta cun exclusivo sistema de xeolocalización de interiores que cobre toda a zona expositiva e que se activa co movemento do visitante, mostrando a información das obras que ten máis próximas. Tamén indica os roteiros máis curtos ata distintos puntos como ascensores ou saídas de emerxencia e incorpora información básica como horarios de visita etc.
As ligazóns para a descarga son as que seguen:
- iOS: https://apps.apple.com/us/app/miic3/id1538750869
- Android: https://play.google.com/store/apps/details?id=miic3.kappowsky.miic3
«CROMÁTICA»
A exposición recolle o traballo de 19 artistas recoñecidos nacional e internacionalmente tan relevantes como Agathe Storlet —máis de 700.000 seguidores en Instagram—, Coco Davez —incluída en 2019 na lista Under 30 de artistas máis influentes menores de 30 anos da revista internacional Forbes— ou Conrad Roset —creador do multipremiado videoxogo español GRIS—. No contexto galego, algúns dos creadores cuxo traballo se pode contemplar nesta mostra son David Méndez Alonso, quen, ademais de contar coa súa propia marca, colabora con grandes marcas e compañías de todo o mundo; ou Abi Castillo, unha das artistas máis aplaudidas do momento e elixida por Inditex para ser parte de «Women in Art».
Baixo o comisariado da especialista en ilustración Matilde Rodríguez, a «Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC). Cromática» ofrece unha escolma de pezas que teñen como alicerce da súa creación a ilustración e son elaboradas con moi diferentes técnicas, desde videoxogo, guache, colaxe e cerámica, ata a animación. Toda esta variedade de mecanismos creativos conta, no entanto, cun denominador común: a fragmentación aplicada ao cromatismo, atendendo aos conceptos culturais, estéticos ou emocionais que se pretenden transmitir. Así, o concepto da cor nesta mostra evoca diferentes latitudes, culturas e etnias. Devén, por tanto, nun medio para reflexionar sobre a colectividade, mais con identidade propia, mediante escenas oníricas, abstractas ou de retrato.
Esta terceira edición conta cunha destacada presenza de autoría feminina e consolida a firme vocación internacional e de uso de novas tecnoloxías que se perfilaba nas edicións precedentes.
As imaxes da exposición e o vídeo de como funciona a APP están dispoñibles aquí.