A exposición «This is pop. Das latas de Andy Warhol ás túas» presenta grandes obras da arte pop en Santiago de Compostela
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta na Sede Afundación de Santiago de Compostela a mostra «This is pop. Das latas de Andy Warhol ás túas», unha proposta enmarcada no programa «Cultura por alimentos», que, en colaboración con FESBAL, anima a que as persoas visitantes e usuarias de actividades de Afundación contribúan con alimentos non perecedoiros depositados nos colectores habilitados para seren doados aos bancos de alimentos.
A nova proposta expositiva foi presentada esta mañá nun acto que contou coa asistencia da comisaria da mostra, Antonella Montinaro, e da coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela.
A inauguración terá lugar esta tarde ás 19.00 h, e quedará aberta ao público ata o vindeiro 27 de xaneiro na Sede Afundación de Santiago de Compostela, onde se poderá visitar de luns a sábado en horario de 12.00 a 14.00 h e de 16.30 a 20.30 h.
A EXPOSICIÓN «THIS IS POP. DAS LATAS DE ANDY WARHOL ÁS TÚAS»
«This is pop. Das latas de Andy Warhol ás túas» recompila 63 producións de 29 artistas que abordan a arte pop desde as súas orixes nos anos cincuenta ata os nosos días. Andy Warhol, Roy Lichtenstein, Robert Rauschenberg, Eduardo Paolozzi, Richard Hamilton, Peter Blake, Yayoi Kusama, Equipo Crónica, Equipo Realidad, Eduardo Arroyo, Rafael Canogar, Damien Hirst, Takashi Murakami, Jeff Koons, Yoshitomo Nara, Julian Opie, Mr., Shepard Fairey (Obey), Kaws, D*Face, Boamistura e Okuda, entre outros.
A arte pop foi un movemento xurdido a finais da década de 1950 en Reino Unido e Estados Unidos como reacción artística ante o expresionismo abstracto e que se caracterizou polo emprego de imaxes e temas tomados da sociedade de consumo e da comunicación de masas aplicados á arte. Utilizaban imaxes coñecidas cun sentido diferente para acadar unha postura crítica da sociedade de consumo.
O neo-pop, pola súa parte, é unha corrente artística vivo exemplo da posmodernidade do século XX, onde ironía, repetición, apropiación, deconstrución e distintas linguaxes ou referencias xeran unha arte a veces kitsch e de matices mixtos. Non hai homoxeneidade, igualmente se utilizan como fonte de inspiración as imaxes da cultura popular ca os medios de comunicación de masas. Todos os artistas neo-pop teñen en común o feito de utilizar a iconografía dos cómics, dos debuxos animados, dos anuncios publicitarios ou incluso a da obra doutros artistas pop xa consagrados. Igualmente, se algo caracteriza a arte urbana do século XXI arredor do mundo é a súa heteroxeneidade. As intencións dos seus autores son moi diversas e variadas, non todos manexan a linguaxe da subversión e a ironía, non todos tratan de incitar no público reflexións sociais nin políticas, pero si buscan chamar a atención, sorprender ao ocuparen un espazo público non concibido inicialmente para albergar obras deste tipo, ao converteren a rúa nun museo ao aire libre.
O que une todos estes movementos é un sistema referencial e subxectivo. Tratase duns estilos que regresan á realidade cotiá da vida diaria, unha cultura popular con protagonismo da televisión, as revistas ou os cómics.
Esta exposición inclúe unha selección de artistas que levan traballando a linguaxe pop desde as súas orixes a mediados do século XX ata os nosos días, realizando unha análise comparada das producións artísticas de EEUU, Reino Unido e España.
A través dun percorrido multidisciplinar e de carácter divulgativo, o público poderá contemplar desde as serigrafías de Marilyn Monroe elaboradas por Andy Warhol, ata as famosas latas Campbell protagonistas da súa produción, ou a repercusión en España co Equipo Crónica, pasando pola arte pop en Reino Unido e a continuidade no pop urbano.
Para descubrir as claves deste movemento cultural, as súas raíces históricas e as súas iconas máis destacadas, o equipo de Afundación deseñou un completo programa de actividades didácticas orientado a todos os grupos de idade escolar no que xa se apuntaron, no momento da inauguración, máis de 1200 escolares de Santiago de Compostela e arredores.