
A exposición «Nós tamén fomos emigrantes» en Xove amplíase ata o 1 de marzo
28.01.2021. A mostra «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX» ampliará o seu período expositivo ata o próximo 1 de marzo, co obxectivo de facilitar que poidan visitala, unha vez finalicen as actuais restricións sanitarias, as persoas que non puideron achegarse á sala de exposicións antes do peche marcado no decreto publicado esta semana pola Xunta de Galicia. O Concello de Xove, ABANCA e Afundación presentan esta mostra na sala de exposicións do Centro Cívico de Xove, en horario de luns a domingo de 18.00 a 20.00 h.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.
As imaxes da mostra están dispoñibles na seguinte ligazón:
https://drive.google.com/drive/folders/1l8QJ9SaAOwZEmKgrmYyabaoFdt2R9A-1?usp=sharing
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.