
A comisaria de «Indómitas», Silvia Oviaño, guiará mañá dúas visitas á mostra na Sede Afundación Ferrol
20.04.2022. A Sede Afundación Ferrol acolle mañá, xoves 21 de abril, ás 17.30 e ás 19.00 h, dúas visitas guiadas á mostra «Indómitas. Historias que abren camiños», que conducirá a comisaria da exposición, Silvia Oviaño, directora de Caravan Proyectos Culturales.
A entrada a esta actividade, cuxa inscrición se pode formalizar aquí, será a cambio da doazón dalgún alimento non perecedoiro, ao estar enmarcada en «Cultura por alimentos», un proxecto en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos), que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais.
A exposición, que se poderá visitar de luns a venres de 17.00 h a 20.30 h, ata o 7 de xullo, presenta doce historias de mulleres que inspiran para a continuidade dos camiños que elas abriron. O proxecto, enmarcado no ODS número 5 de igualdade de xénero, reflexiona sobre o momento decisivo actual no ámbito da equidade entre xéneros, presentando estas mulleres que foron pioneiras de diferentes xeitos nos seus ámbitos e que son modelo tanto no momento presente como para as vindeiras xeracións.
As imaxes da mostra están dispoñibles aquí:
https://drive.google.com/drive/folders/1yQEeOyfGYmR75YDQwL5rBvpj-x0skNpN
Esta mostra audiovisual artéllase en torno a cinco indómitas do ámbito español, e sete do galego con historias moi diferentes tras de si: Paula Mouzo, percebeira de Camariñas; Laura Lorenzo, viticultora na Ribeira Sacra; Luisa Méndez, escaladora; Lula Goce, artista urbana e muralista; Tanxugueiras, grupo musical integrado por Sabela Maneiro, Olaia Maneiro e Aida Tarrío; Nuria Bravo, pilota de helicópteros; Rocío Antela, mineira e enxeñeira de minas; Teresa Bedman, exiptóloga; Almudena Bernabeu, avogada especializada en dereitos humanos; e Alicia Sornosa, primeira española que deu a volta ao mundo en moto en solitario.
Todas elas representan modelos inspiradores en profesións e ámbitos tradicionalmente non conquistadas por mulleres. Grazas a estes exemplos, enriquécense os referentes de cara a construír unha sociedade máis xusta, tolerante e equitativa.
O traballo fotográfico e audiovisual asínano os recoñecidos autores Ofelia de Pablo e Javier Zurita, quen viaxaron por máis de 70 países documentando temas de dereitos humanos e ambientais. En 2011 fundaron Hakawatifilm, unha produtora dedicada a contar historias que espertan conciencias e avogan por un cambio positivo. A compañía está á vangarda da linguaxe multimedia, xerando traballos que foron amplamente recoñecidos no mercado internacional e publicando para varios dos mellores medios do mundo: The Guardian, The New York Times, Der Spiegel, National Geographic ou TIME, entre outros. Foron xurado de importantes concursos internacionais e imparten charlas e obradoiros como Canon Pro Master. «Indómitas» é o primeiro proxecto que levan a cabo en España.
A curadoría e textos de «Indómitas» corresponden a Silvia Oviaño. Con grande experiencia no ámbito da fotografía, Oviaño destaca como comisaria de exposicións e xestora cultural con proxectos creativos e de marcado ton comprometido. É fundadora de Caravan Proyectos de Cultura e do Festival Mar de Mares. Entre outras, comisariou exposicións como «Terras de salitre. Cristina Mittermeier», que itinerou polas sedes de Afundación.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.