A Camerata Arven regresa ao romanticismo co Octeto de Schubert no ciclo «Do silencio á emoción III» de Afundación
Continúa o ciclo de Afundación «Do silencio á emoción III» cuxo obxectivo é achegar o público á música clásica dun xeito ameno, diferente e interactivo, facéndoo partícipe da experiencia. O seguinte concerto será o xoves 25 de abril, ás 20.30 h, no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra a cargo da Camerata Arven, que ofrecerá o Octeto en Fa Maior D. 803 de Franz Schubert. As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com.
Co proxecto «Do silencio á emoción III», a Obra Social de ABANCA promove a música clásica traballando na consolidación de públicos e na creación doutros novos dun xeito diferente. As barreiras entre o público e os artistas desaparecen nesta serie de concertos. Ferramentas coma a maxia ou a narración oral serán parte das presentacións da segunda metade do ciclo. Ademais, ao comezo de cada sesión, os asistentes poden coñecer máis sobre a historia do repertorio en base a un relato ameno e dinámico. O público poderá facer preguntas. E, xa entón, comeza a música.
Camerata Arven é unha formación integrada por músicos afincados na zona de Pontevedra. Traballan para fomentar o interese pola música de cámara. Colaboran ademais, con artistas locais doutras disciplinas: danza, artes plásticas, teatro, etc. Suman creatividade e recursos para mellorar a experiencia, e a inmersión na música, por parte do público.
«Cultura por alimentos»
O ciclo «Do silencio á emoción III» forma parte do programa «Cultura por alimentos», que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes aos concertos poderán entregar alimentos non perecedoiros no acceso á sede de Afundación en Pontevedra para a súa distribución entre persoas e familias en risco de exclusión.