Juan Carlos Escotet, Socio de Honra da asociación de alumnos de IESIDE
O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, foi nomeado esta tarde Socio de Honra de Alumni IESIDE, a asociación de estudantes do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE), en recoñecemento á súa xestión á fronte da primeira entidade financeira galega e a súa contribución ao desenvolvemento empresarial da comunidade.
O nomeamento tivo lugar en Santiago de Compostela, durante o primeiro encontro de Alumni IESIDE de 2019, no que participaron preto de 400 antigos alumnos da institución académica. Durante este encontro, Juan Carlos Escotet recibiu a insignia que o acredita como Socio de Honra da asociación de mans do seu presidente, Manuel Rego, e a súa vicepresidenta, Carmen Fernández Penas.
Tras agradecer o recoñecemento, o presidente de ABANCA impartiu a conferencia «O empresario en contextos de cambio», na que incluíu diversas reflexións sobre as claves do proceso de transformación estratéxica integral acometido na entidade entre 2014 e 2016. Referiuse á «oportunidade do momento na toma de decisións», defendeu os «investimentos con vocación de permanencia baseadas en fundamentais, como o valor da franquía, sinerxías ou a complementariedade», e subliñou a importancia da «planificación estratéxica como ferramenta de xestión, o establecemento de obxectivos claros, pancas de consecución e o estreito seguimento da súa execución e gobernanza».
INNOVACIÓN, ORIENTACIÓN AO CLIENTE E EQUIPO
Durante a súa intervención, Juan Carlos Escotet asegurou que «a tecnoloxía, os cambios sociais ou as novas formas de relacionarnos cos nosos clientes son claves no éxito empresarial». Baixo esa premisa, avogou por entender a innovación como un cambio cultural, e citou algúns dos proxectos de transformación dixital e innovación tecnolóxica implantados en ABANCA nos últimos anos. De igual maneira, enumerou outros elementos esenciais na xestión empresarial, como o coñecemento e orientación ao cliente, o liderado e compromiso do equipo humano ou a responsabilidade coa sociedade.
No transcurso deste encontro, a directiva de Alumni IESIDE presentou as novas liñas de actuación da asociación para este ano. Celebrouse, ademais, unha mesa redonda sobre o cambio e as oportunidades que nos brinda, tanto no mundo empresarial como no desenvolvemento directivo, na que participaron, xunto ao presidente de ABANCA, dous antigos estudantes de IESIDE, Iria Vázquez Palacios, directora de xestión e talento e empregabilidade no Grupo Adecco, e Telmo Pérez Luaces, Chief Innovation Officer & New Business no Grupo Acciona, que explicaron a súa experiencia de xestión.
Con anterioridade a Juan Carlos Escotet Rodríguez, a asociación de alumnos de IESIDE outorgou o título de Socio de Honra a destacados empresarios e personalidades como Manuel Gómez-Franqueira, Ana Pastor Julián, Roberto Tojeiro Díaz ou Javier Riera Nieves, entre outros.