
A Universidad Pontificia Comillas, Afundación e ABANCA inauguran a Cátedra «Lonxevidade, Economía e Sociedad
No último século, a esperanza de vida en España aumentou máis de corenta anos, unha tendencia que supoñerá que, no ano 2100, a poboación entre 65 e 80 anos sexa un 22,5 % do total, o cal implica unha revolución da lonxevidade que require de novas medidas para estes novos desafíos e oportunidades. Ante esta situación e no marco da celebración, o vindeiro 1 de outubro, do Día Internacional das Persoas Maiores, a Universidade Pontificia Comillas, Afundación e ABANCA desenvolveron hoxe a xornada inaugural da Cátedra ABANCA-Afundación/ ICADE «Lonxevidade, Economía e Sociedade».
Na apertura institucional da xornada inaugural, articulada por relatorios e mesas redondas coa participación de persoas expertas que están a desenvolver diferentes iniciativas na cátedra, contouse coa presenza do reitor da Universidad Pontificia de Comillas, Enrique Sanz, e o conselleiro delegado de ABANCA e patrón de Afundación, Francisco Botas.
As imaxes da xornada están dispoñibles AQUÍ
O obxectivo da Cátedra é constituírse nun foro de estudo, investigación e debate sobre os retos sociais, económicos, sociosanitarios, xurídicos ou tecnolóxicos que xorden nun contexto no que a poboación cada vez vive máis anos, e neste sentido, precisamente, o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, destacou que o apoio de ABANCA e Afundación á cátedra se enmarca no compromiso histórico que manteñen o banco e a súa Obra Social, Afundación, coas persoas maiores. «Sempre consideramos unha prioridade prestar a mellor atención posible a este colectivo. Para iso, adoptamos medidas que facilitan que poidan realizar as súas xestións financeiras, dispoñemos dun amplo catálogo de produtos e servizos que responden as súas demandas e necesidades, impulsamos un plan de formación e capacitación dixital que contribúe a favorecer a súa inclusión e ofrecemos un programa de actividades de lecer e voluntariado que facilitan que poidan vivir dunha maneira plena esta etapa da vida».
Durante a súa intervención, Enrique Sanz, SJ, lembrou as dúas principais razóns polas que se creou a cátedra: o progresivo aumento das persoas maiores e a necesidade de garantir o seu benestar e a súa participación activa na sociedade. «Queremos que a nosa investigación a prol das persoas maiores se traduza en publicacións científicas, congresos e xornadas universitarias; pero tamén, que baixe a pé de rúa e mellore a calidade de vida dos seus destinatarios».
A xornada inaugurouse co relatorio «A filosofía da vida e a dignidade da vellez», impartida polo profesor da Facultad de Derecho (Comillas ICADE), Miguel Grande Yáñez, e presentada pola profesora da mesma facultade, Dolores Carrillo Márquez. A continuación, celebrouse unha mesa redonda na que, baixo o título «Lonxevidade e calidade de vida: Retos e oportunidades», diversos especialistas compartiron as súas impresións sobre aspectos psicolóxicos, xurídicos, sociais e sanitarios do tema.
A profesora de Comillas ICADE, Elisa Aracil, foi a encargada de presentar o relatorio do director do Centro Internacional sobre o Envellecemento, Juan Martín, que levaba por título «Economía da lonxevidade» e que abordou as oportunidades que presenta a coñecida como Silver Economy. O peche da xornada correu a cargo do decano da Facultad de Derecho, Abel Veiga, e da directora da cátedra, a profesora da facultade, Salomé Adroher, quen lembrou o interese de proxecto por crear lazos e colaborar cos principais actores da sociedade civil comprometidos con axudar os maiores.
Investigación e documentación
En 2023 iniciouse a primeira fase da investigación «Lonxevidade, cambios biográficos e benestar», consistente nun estudo cualitativo a través de grupos focais coa participación de persoas socias de Afundación, cuxo propósito reside na exploración de que cambios vitais significativos se experimentan nas etapas máis maduras da vida, que significan para as persoas, como os viven e como perciben as alteracións que se desencadean en todas as dimensións da vida.
Entre os obxectivos específicos destacan a análise das implicacións da xubilación para a propia narrativa vital, mediante a exploración das experiencias emocionais e relacionais asociadas á xubilación; a identificación de que momentos de cambio son percibidos como relevantes nos ámbitos laborais; a exploración de oportunidades e riscos que as persoas perciban asociados a estes cambios, e con que recursos (tanxibles e intanxibles, persoais, familiares, comunitarios e sociais) contan para afrontalos; o rastrexo da experiencia xeral da vida neses momentos biográficos; e por último, o deseño dun programa de preparación á xubilación para o seu posterior desenvolvemento de forma piloto.
A cátedra traballa así mesmo no tratado «As persoas maiores no dereito español», dedicado a analizar o tratamento de diversos aspectos relacionados coas persoas maiores no dereito español e que ten prevista a súa publicación en 2024.
Finalmente está desde abril de 2023 a desenvolverse o programa «Coidar ao coidador», dirixido a coidadores familiares e que aborda distintos aspectos emocionais, relacionais e éticos, con sesións mensuais presenciais na Unidade Clínica de Psicoloxía da Universidade Pontificia de Comillas e en conexión en liña cos espazos +60 Afundación.