
Jorge Sanz chega ao Teatro Afundación á fronte do elenco de Hechos y faltas, unha comedia sobre as noticias falsas
O recoñecido escritor John D'Agata, interpretado por Jorge Sanz, escribe unha crónica sobre a taxa de suicidios en Las Vegas para unha das mellores revistas de Estados Unidos. Emily, a redactora xefa da publicación, encárgalle a Jim Fingal que comprobe os feitos e os datos que recolle D'Agata no seu texto. E acontece que moitos deses datos foron inventados. Sobre esta base, constrúese a obra teatral Hechos y faltas. O espectáculo chega ao Teatro Afundación o vindeiro 20 de marzo ás 20.30 horas.
A obra, , que forma parte da Tempada de abono, é a cuarta das propostas teatrais programadas por Afundación en Vigo no mes de marzo. No vindeiro mes de abril, o público do Teatro Afundación poderá asistir ata 6 espectáculos escénicos, un musical, e tres concertos de grandes orquestras: dous de música clásica e un terceiro dedicado ás grandes composicións de música orquestral para cine. A información sobre o programa de abril do Teatro Afundación, e as últimas entradas para Hechos y faltas están dispoñibles en Ataquilla.com.
Estreada en Broadway
O libro que inspirou Hechos y faltas (The life of a fact, 2012), escrito por John D’Agata e Jim Fing, foi un éxito editorial nos Estados Unidos. A súa trama fai reflexionar, por exemplo, ata qué punto é negociable a veracidade dun dato cando se constrúen informacións. En 2018, o texto foi levado ao teatro. A obra resultante, estreada en Broadway, resultou un éxito. E dende entón represéntase no mundo enteiro.
A adaptación que chega o 20 de marzo ao Teatro Afundación escribiuna e diríxea Bernabé Rico. Estreada en agosto do pasado ano, a obra recibiu unhas excelentes críticas da prensa especializada.
Imaxes, dispoñibles AQUÍ
A Tempada de Teatro
El novio de España é a seguinte obra, que sairá a escena o xoves 25 de abril. Ano 1952. Tras a Guerra Civil, os exiliados políticos non poden regresar. O recoñecido cantante vasco Luis Mariano está a rodar un musical que protagoniza xunto a Carmen Sevilla. Os dous teñen unha entrañable amizade que non se pode converter en amor polas preferencias sexuais del. Pero Luis está disposto a «heterosexualizar» a súa imaxe e pídelle á actriz que case con el. Ten unha poderosa razón: os seus pais, republicanos exiliados, queren regresar ao seu país, e se para que iso ten que renunciar a si mesmo, farao. Carmen négase a participar nun matrimonio por conveniencia, pero axudarao. O 18 de xullo, nunha festa de Franco, é o momento perfecto.
Isabel Ordaz e Marcial Álvarez estarán en Vigo o xoves 9 de maio para representar La profesora, de Eduardo Galán, baixo a dirección de Carla Nyman. A través da comedia, a obra toca cuestións coma os límites da educación, o poder redentor da cultura e a dificultade da sociedade para aceptar a diferenza e superar os roles de xénero. Ortiz, un peixeiro dun supermercado duns 50 anos, acode a unha titoría para solucionar a situación da súa filla Daniela. O primeiro encontro coa titora, América Alcalá, unha muller de case 65 anos que non se quere xubilar por medo á soidade, resulta un verdadeiro asalto de boxeo.
Finalmente, Lolita Flores poñerá o broche á tempada con Poncia, de Luis Luque (a partir de La casa de Bernarda Alba de García Lorca). Será o mércores 5 de xuño. Dentro dunha tormenta de néboa, Poncia, a criada de Bernarda Alba, reza pola morte de Adela. A casa sumiuse nun mar de silencio. Poncia fala soa e tamén con elas, con Bernarda Alba e as súas fillas.