![Jorge Sanz chega á Sede Afundación Pontevedra á fronte do elenco de Hechos y faltas, unha comedia sobre as noticias falsas Jorge Sanz chega á Sede Afundación Pontevedra á fronte do elenco de Hechos y faltas, unha comedia sobre as noticias falsas](/images/fundacion_publicaciones/cartel_hyf_%281%29jorge_sanz.jpg)
Jorge Sanz chega á Sede Afundación Pontevedra á fronte do elenco de Hechos y faltas, unha comedia sobre as noticias falsas
O recoñecido escritor John D'Agata, interpretado por Jorge Sanz, escribe unha crónica sobre a taxa de suicidios en Las Vegas para unha das mellores revistas de Estados Unidos. Emily, a redactora xefa da publicación, encárgalle a Jim Fingal que comprobe os feitos e os datos que recolle D'Agata no seu texto. E acontece que moitos deses datos foron inventados. Sobre esta base, constrúese a obra teatral Hechos y faltas. O espectáculo chega á Sede Afundación Pontevedra o vindeiro 21 de marzo ás 20.30 horas.
Estreada en Broadway
O libro que inspirou Hechos y faltas (The life of a fact, 2012), escrito por John D’Agata e Jim Fing, foi un éxito editorial nos Estados Unidos. A súa trama fai reflexionar, por exemplo, ata que punto é negociable a veracidade dun dato cando se constrúen informacións. En 2018, o texto foi levado ao teatro. A obra resultante, estreada en Broadway, resultou un éxito. E dende entón represéntase no mundo enteiro.
A adaptación, que chega o 21 de marzo ao auditorio da Sede Afundación de Pontevedra, escribiuna e diríxea Bernabé Rico. Estreada en agosto do pasado ano, a obra recibiu unhas excelentes críticas da prensa especializada.
Imaxes, dispoñibles AQUÍ
A tempada encádrase no programa solidario «Cultura por Alimentos», levado a cabo en colaboración con FESBAL. Así, os asistentes poderán doar alimentos non perecedoiros depositándoos nos lugares habilitados para eles no acceso ao edificio. Todo o recadado será doado ao banco de alimentos local.
A Tempada de Teatro
El novio de España é a seguinte obra, que sairá a escena o venres 26 de abril. Ano 1952. Tras a Guerra Civil, os exiliados políticos non poden regresar. O recoñecido cantante vasco Luis Mariano está a rodar un musical que protagoniza xunto a Carmen Sevilla. Os dous teñen unha entrañable amizade que non se pode converter en amor polas preferencias sexuais del. Pero Luis está disposto a «heterosexualizar» a súa imaxe e pídelle á actriz que case con el. Ten unha poderosa razón: os seus pais, republicanos exiliados, queren regresar ao seu país, e se para que iso ten que renunciar a si mesmo, farao. Carmen négase a participar nun matrimonio por conveniencia, pero axudarao. O 18 de xullo, nunha festa de Franco, é o momento perfecto.
Finalmente, Lolita Flores poñerá o broche á tempada con Poncia, de Luis Luque (a partir de La casa de Bernarda Alba de García Lorca). Será o xoves 6 de xuño. Dentro dunha tormenta de néboa, Poncia, a criada de Bernarda Alba, reza pola morte de Adela. A casa sumiuse nun mar de silencio. Poncia fala soa e tamén con elas, con Bernarda Alba e as súas fillas.