IESIDE reforza o seu compromiso coa internacionalización cun convenio coa Université Toulouse III-Paul Sabatier e a ONU
IESIDE fortalece a súa aposta pola internacionalización como valor fundamental na etapa de formación académica mediante a rúbrica dun convenio de intercambio de estudantes, a través do programa Erasmus +, coa Université Toulouse III-Paul Sabatier, en concreto co seu Institut Universitaire Technologique na súa sede en Auch, no sur de Francia. Por mor deste acordo, a partir do ano académico 2019-2020, estudantes do Grao en ADE de IESIDE poderán cursar un semestre no centro francés dos seus programa de Gestion des Enterprises et des Administrations, realizando os módulos de Management des organisations e de Outils de la gestion et du management des organisations, integramente en francés.
IESIDE, pola súa banda, será centro de acollida de estudantes procedentes do IUT ‘A’ Paul Sabatier que se incorporarán ao terceiro curso do grao para cursalo na súa totalidade.
A Université Toulouse III-Paul Sabatier está recoñecida a nivel internacional como unha das 500 máis prestixiosas do mundo e de maior antigüidade, na liña das de Oxford, Bolonia, A Sorbona ou Salamanca.
Este novo acordo súmase á histórica colaboración de IESIDE con universidades estranxeiras, iniciada en 1994 coa University of Wales para a posta en marcha do Bachelor in Business Administration (BBA) xa que o instituto de educación superior ve a internacionalización como un medio que favorece a transferencia de coñecemento e innovación e a empleabilidade dos estudantes, brindándolles unha formación cunha visión universal acorde cos tempos e mercados actuais, á vez que contribúe á mellora do tecido empresarial local.
Nestes últimos anos IESIDE propúxose dar un relevante impulso a este proceso de internacionalización mediante convenios con universidades de Europa, América e Asia. Estes convenios súmanse aos xa existentes con institucións académicas tan prestixiosas como Haute École de Gestion de Genève, Regent’s University London, Dublin Business School, Flensburg University of Applied Sciences de Alemaña, Memorial University of Newfoundland de Canadá, University of Applied Sciences of Vienna, Poznan University of Economics ou Georgetown University, entre outras.
RECOÑECEMENTO A IESIDE DA ONU
Por outra banda, as iniciativas postas en marcha a nivel internacional pola ONU recoñeceron a sólida aposta de IESIDE pola inclusión da Responsabilidade Social Corporativa, visible, por exemplo, nos plans de estudo impartidos no centro, coa súa admisión en Principles for Responsible Management Education (PRME) e na Rede de Solucións para o Desenvolvemento Sustentable (SDSN). Deste xeito, o instituto de educación superior da empresa de referencia en Galicia é distinguido pola ONU polos seus esforzos de contribución a un modelo de xestión nas corporacións baseado en principios de sustentabilidade e responsabilidade.
A inclusión de IESIDE nestas iniciativas vai favorecer un contacto máis directo e maior retroalimentación con entidades punteiras a nivel internacional no compromiso co desenvolvemento sustentable e a responsabilidade social. Así, son 63 as institucións admitidas na Rede de Solucións para o Desenvolvemento Sustentable en España e 839 no contexto global, unidas no propósito de que os centros de investigación e educación e o mundo empresarial e institucional promovan o traballo en favor da consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) fixados para 2030.
O PRME, integrado por 25 organizacións de educación superior en España e 739 a nivel mundial, pola súa banda, empraza ás entidades subscritoras á implantación dos seis principios destinados a mellorar a comprensión e a implementación da responsabilidade social tanto nos propios centros de estudo e investigación como nas empresas ou institucións.
As sinerxias que desde estes dous foros internacionais se potencian habilitarán a que IESIDE poida desenvolver plans nestas áreas concretas máis aló das súas propias instalacións e en comunicación constante con entidades de primeira magnitude implicadas na mellora social. Para iso, IESIDE intégrase, por mor destas admisións, nunha comunidade de aprendizaxe dinámica, tanto a nivel local como mundial, na que as organizacións subscritoras dos principios de responsabilidade colaboran en proxectos e eventos consecuentes cos seis principios da PRME.
A RSE EN IESIDE
Nun marco de compromiso co desenvolvemento sustentable da sociedade e da economía, a RSE incorporouse no currículo formativo de IESIDE de tal modo que todos os programas de posgrao e o grao en ADE-BBA inclúen un módulo dedicado á Responsabilidade Social Empresarial. O obxectivo é que os mozos comprendan o sentido e a realidade da responsabilidade social en todas as súas dimensións, o papel das organizacións nunha contorna de globalización ou a transcendencia de cimentar en valores a toma de decisións.