
Un proxecto promovido por Afundación demostra que adquirir competencias emocionais mellora o benestar das persoas maiores
Adquirir competencias emocionais, tamén despois de cumprir máis de 60 anos, é unha ferramenta de extraordinaria utilidade para a mellora do benestar. Así se desprende da investigación dos resultados do proxecto «Coñecendo as emocións», de Afundación, en cuxa primeira edición participaron un total de 71 persoas de toda Galicia. Un equipo especializado de Afundación e Matia, instituto xerontolóxico de referencia en España na materia e con máis de 20 anos de traxectoria, traballou con ferramentas cualitativas e cuantitativas para medir os seus resultados antes e despois da súa implementación. Nela obsérvase que o 86 % das persoas participantes melloraron os seus niveis de benestar ou as súas competencias emocionais respecto ao comezo do programa.
«Coñecendo as emocións» xorde ao detectar o equipo de traballo do programa de Envellecemento Activo de Afundación unha necesidade e unha oportunidade de mellora no estado emocional das persoas maiores socias dos seus espazos+60. Da man de Matia Instituto, os especialistas da Obra Social de ABANCA propoñen o desenvolvemento e posta en marcha dun programa en cuxo deseño e contidos participaron as propias persoas beneficiarias. A partir dese deseño de actividades, e en sesións de traballo con facilitadoras, especializadas en psicoloxía e xerontoloxía, as persoas participantes foron adquirindo un maior coñecemento sobre as emocións e sobre a súa identificación, comprensión, expresión ou regulación. A este proceso de aprendizaxe tamén se engaden diversas ferramentas para o benestar como a asertividade, os autocuidados ou a resiliencia.
O proxecto desenvolveuse na súa primeira edición durante tres meses no primeiro semestre de 2022, con 71 participantes e en 10 espazos +60 de Afundación ―os sete das principais cidades galegas, o de Betanzos (A Coruña) e os dos dous municipios lucenses de Viveiro e Monforte―. Unha segunda edición, cuxa medición cuantitativa corrobora os resultados da primeira edición, levou a cabo no segundo semestre con 84 participantes e unha terceira está en marcha na actualidade.
PREVIR E REPARAR
Os resultados do proxecto indican que a formación para a mellora das competencias emocionais é un instrumento útil que, desde a prevención, contribúe tanto a preservar un bo estado de benestar psicolóxico como a melloralo cando se parte dun estado menos óptimo. Así se desprende da valoración realizada con cada participante antes e despois do desenvolvemento do programa.
O interese unánime que expresan as persoas participantes ante a posibilidade de continuar en sucesivas fases do proxecto deixa clara a autopercepción que teñen sobre os beneficios deste programa.
XESTIONAR AS EMOCIÓNS
O traballo desenvolvido durante o programa achegou ás persoas participantes ferramentas para mellorar a xestión emocional. A medición de resultados empregando a Escala de Benestar psicolóxico de Ryff e a Trait Meta Mood Scale-24, que permite valorar os avances nesta materia, indica que o 86 % das persoas participantes obtivo resultados positivos e 2 de cada 3, un 69 %, mellorou o seu benestar.
Os datos do estudo mostran resultados positivos nas diferentes competencias emocionais, á súa vez, dimensións da intelixencia emocional: a conciencia, a comprensión e a regulación emocional; así, un 31 % manifestaron ao termo do programa comezar a prestar máis atención ás emocións propias, o primeiro paso para poder comprendelas, e un 40 % melloraron a súa comprensión emocional.
A porcentaxe de persoas cunha regulación insuficiente diminuíu do 38 % previo ao comezo do programa ao 19,7 % rexistrado ao finalizalo. Dito doutro xeito, quen obtén puntuacións correspondentes a unha adecuada comprensión emocional superan o 80 % ao finalizar o programa.
O testemuño dunha das participantes, procedente dunha das entrevistas que forman parte da investigación cualitativa para a medición de resultados, déixao claro: «Deime conta de que son menos impulsiva do que era. Agora sopeso os pros e os contras doutra maneira, non fago as cousas tan sen pensar».
Para a coordinadora da área de Maiores da Obra Social de ABANCA, Sabela Couceiro, estes datos son de especial interese «xa non só para todas as persoas que participan nas actividades de Afundación. Tamén o son para as persoas e entidades que traballan para a mellora do benestar das persoas maiores». Couceiro explica que «con estes resultados dispoñemos de novos datos rigorosos que xustifican o interese de poñer proximamente este programa ao dispor de toda a sociedade. Ademais, tendo en conta o que nos demandaron as persoas participantes, Afundación dará continuidade a este programa con novos módulos para profundar no coñecemento das emocións ou abordar outros temas como a xestión do dó».
Imaxes e resumo executivo do informe, dispoñibles nesta ligazón