«Imaxinaria» conmemora o 8M coa proxección de My Sunny Maad e un coloquio coa súa directora, Michaela Pavlátová
Unha famosa correspondente de guerra checa, Petra Procházková, vaise vivir a Afganistán por amor. Casa cun afgán. E comeza a vivir e convivir coa opresión da muller nun país no que acaba de caer o rexime talibán. A historia serviulle á realizadora Michaela Pavlátová, tamén checa, coma inspiración para o guión de My Sunny Maad (A miña familia afgá, 2021). O filme mereceu o aplauso de crítica e público, foi premiado nalgúns dos principais festivais de animación en Europa, e mesmo chegou a estar nomeada aos prestixiosos premios Globos de Ouro. A proxección da película en «Imaxinaria» abrirá a sección «Foco 8M», programada no Día Internacional da Muller para sumar o festival ás conmemoracións globais. Será o venres día 8 a partir das 17.30 horas.
A celebración da segunda edición do Festival Internacional de Animación Afundación, «Imaxinaria», coincide este ano co Día Internacional da Muller. Afundación e o equipo do festival, dirixido por Alberto Vázquez e Matilde Rodríguez, quixeron facer unha programación especial de xeito conmemorativo.
Explica a coordinadora de Cultura de Afundación, Marité Cores, que «Afundación leva anos organizando actividades culturais arredor do 8M, e a coincidencia de datas co festival foi unha moi boa oportunidade para sumarnos á conmemoración cunha programación especialmente interesante proposta por Matilde Rodríguez e Alberto Vázquez». Na súa obra artística, Michaela Pavlátová explora temas relacionados co sexo, o xénero ou as relacións humanas dende unha senlleira concepción dos gráficos e dende un non menos particular sentido do humor.
Ademais da proxección de A miña familia afgá e un coloquio posterior, «Imaxinaria» levará a conmemoración a internet. A través de súa páxina web, durante os días do festival poderán verse 8 curtametraxes que poñen o foco en problemas e reivindicacións asociados á data conmemorativa.
A miña familia afgá
No filme A miña familia afgá, de Michaela Pavlátová, tamén madriña da segunda edición de «Imaxinaria», a protagonista será unha estudante checa, chamada Herra. A súa historia é un trasunto de Petra Procházková, a xornalista que viviu e escribiu en primeira persoa os acontecementos nos que se inspira a longametraxe. Herra convivirá co horror do burka, ou asistirá a matrimonios concertados de menores, por exemplo. Chegará a cuestionarse o sentido do seu matrimonio e mesmo de vivir en Afganistán.
«Foco 8M» comezará cunha introdución a cargo da co-directora do Festival, a tamén comisaria da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, Matilde Rodríguez. Logo chegará a proxección da película, de hora e media de duración. Cando remate, comezará un coloquio con Michaela Pavlátová e Verónica Buide. Consultora, productora, e presidenta da asociación Mulleres na Industria da Animación, Buide participou en proxectos tan coñecidos coma Pocoyó, Jelly Jamm, ou Gormiti.
Ciclo de cine de muller
Afundación prolongará nas súas sedes das cidades galegas a conmemoración do 8M ata finais do mes de abril co ciclo de cine «Mulleres». A sede da Obra Social de ABANCA na Coruña acollerá as proxeccións de tres películas nas que se amosa o protagonismo da muller desde unha perspectiva que proxecta as súas ideas, os seus sentimentos, e as súas problemáticas particulares. A selección dos filmes fíxose baixo a premisa que recollesen as posicións das protagonistas femininas, os seus recursos, necesidades e discursos, situándoas como parte narrativa, activa e protagonista.
A programación do ciclo «Mulleres» na Coruña comeza coa proxección da película Maixabel, de Icíar Bollaín. Será o luns 18 de marzo.
O día 18 de abril, o público poderá asistir ao visionado da pelicula estadounidense Nomadland, de Chloé Zhao. O filme francés La Vérité (The Truth), feita por Hirokazu Koreedao en 2019, proxectarase o día 22 de abril.
Todas as sesións do ciclo «Mulleres» comezan ás 19 horas e son en versión orixinal subtitulada. As butacas deben reservarse en Ataquilla.com.
«Imaxinaria» e máis o ciclo «Mulleres» forman parte do programa «Cultura por Alimentos». Os ingresos obtidos no festival de animación co prezo simbólico das entradas serán xestionados integramente polo Banco de Alimentos Rías Altas. Ademais, os espectadores de ambos os eventos poderán deixar alimentos non perecedoiros nos depósitos habilitados por Afundación para tal fin na entrada das súas sedes.