O premio de economía José García Montalvo abre a vindeira semana o Foro IESIDE de Sociedade e Economía
José García Montalvo, catedrático de Economía Aplicada e doutor pola Universidade de Harvard, conselleiro de ABANCA e premio Rei Jaume I de Economía 2019, abrirá o I Foro IESIDE de Sociedade e Economía o vindeiro martes 4 de febreiro. García Montalvo falará na Sede Afundación da Coruña a partir das 19.30 h sobre «Big data e economía: promesas, perigos, decepcións e fake news». A entrada é libre e gratuíta, ata completar capacidade, previa INSCRICIÓN. A conferencia, que continuará cun coloquio moderado por Xosé Luís Vilela Conde, director de La Voz de Galicia, poderá seguirse tamén por streaming.
García Montalvo abordará os usos do big data, as súas vantaxes e inconvenientes e os sectores que máis proveito poderán obter dos seus macrodatos. Así mesmo, analizará o importante papel que a intelixencia artificial pode xogar contra as fake news, a polarización polo uso das redes sociais e como big data e intelixencia artificial seguen sendo instrumentos ao servizo da intelixencia e a creatividade humanas.
A seguinte cita será o 5 de marzo co director xeral de FUNCAS, Carlos Ocaña, economista e doutor pola Universidade de Northwestern, quen abordará a «Conxuntura e perspectivas a curto e medio prazo da economía española no contexto da economía europea». O foro continuará no mes de abril con Pedro Antonio Merino García, director de estudos de REPSOL YPF, quen impartirá a conferencia «Escenarios enerxéticos: diferenza entre o crecemento tendencial e os compromisos de París». Será o xoves 30 ás 19.30 h na Sede Afundación de Vigo. O ciclo continuará o 21 de maio coa conferencia «Galicia ante unha Europa policéntrica: análise da súa accesibilidade e competitividade», impartida polo catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, Fernando González Laxe.
JOSÉ GARCÍA MONTALVO
Doutor en Economía pola Universidade de Harvard. Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Valencia. Catedrático de Economía e vicepresidente de Estratexia Científica da Universitat Pompeu Fabra (UPF) e profesor investigador do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas e da Barcelona Graduate School of Economics (BGSE). Actualmente é membro do Consello Académico de Ciencias Sociais da Fundación Ramón Areces e desde agosto de 2014, vocal do Consello de Administración ABANCA Corporación Bancaria, S.A.
José García Montalvo recibiu diversos premios e honras, sendo os máis recentes o Premio Rei Jaume I de Economía 2019. É o primeiro economista en impacto científico segundo o último ranking de economistas traballando en España en Economía Aplicada. Autor de numerosas publicacións, os seus artigos recolléronse en revistas como American Economic Review, Economic Journal, the Review of Economics and Statistics, Journal of Development Economics e Applied Psychology, entre outras. Articulista de opinión en medios como Expansión, La Vanguardia ou El País, as súas áreas de especialización son o mercado inmobiliario, a transición da mocidade do sistema educativo ao mercado laboral e o desenvolvemento económico, con especial referencia ao efecto dos conflitos sociais. Foi consultor do Banco Mundial, da OCDE e do Banco Interamericano de Desenvolvemento, entre outros organismos e institucións.
FORO IESIDE
O Foro IESIDE de Sociedade e Economía nace como unha proposta de debate e reflexión sobre os retos, desafíos e riscos do contexto económico e social actuais. A programación, que se desenvolverá en Galicia, León e Asturias, incluirá conferencias e debates de expertos nacionais e internacionais en ámbitos como as novas tecnoloxías, a industria 4.0, a intelixencia artificial e a robótica, a sostibilidade e os novos modelos económicos, os problemas e retos sociais que implican todos os cambios estruturais actuais, os cambios de paradigma, a xeración de valor por parte das empresas ou a súa gobernanza, entre outros. O foro abordará, nun contexto de revolución do intanxible e contorna volátil, novas fórmulas como a economía circular, a economía prateada ou a gig economy e os desafíos aos que nos enfrontamos como sociedade: o reto demográfico, a xestión do talento, a educación, a sanidade ou a desigualdade.
O Foro IESIDE de Sociedade e Economía, que se desenvolverá anualmente entre os meses de febreiro e xuño e outubro e novembro, ten un carácter académico e o seu enfoque dá prioridade á sociedade sobre a actividade económica, buscando nexos de conexión entre ambas, co obxectivo de construír unha visión a longo prazo, que prime sobre as esixencias do curto prazo. Nace, así, como un espazo de debate, pensamento, análise e descubrimento; unha oportunidade para coñecer a perspectiva de prestixiosos relatores nacionais e internacionais sobre os acontecementos sociais e económicos sobre os que se está construíndo a sociedade actual nunha época marcada pola disrución. Contará coa participación de académicos, intelectuais, líderes sociais, empresarios, axentes culturais e estudantes, entre outros, co obxectivo de compartir diferentes puntos de vista que permitan atopar novos modelos e construír unha visión de futuro común da sociedade galega no contexto dunha economía e sociedade globais.