
Afundación homenaxea en Vigo os participantes na última edición do seu programa «Historias vividas»
Afundación rendeu homenaxe hoxe na Sede Afundación de Vigo ás cinco persoas participantes na IV edición de «Historias vividas», unha iniciativa integrada na programación da Área de Maiores de Afundación. Neste programa, que se estende durante un ano, as persoas homenaxeadas realizaron un proceso de revisión, reflexión e escritura en primeira persoa das súas traxectorias vitais que quedaron plasmadas ao finalizar o proxecto en libros de vida individuais, que lles foron entregados hoxe en presenza dos seus familiares e amigos. Nesta edición participaron os vigueses Socorro Arbones Arteta, Ángel García Vega, Xosé Antón Guisande Oleiro e Amparo Rodríguez Blanco, e a ferrolá Ana María Dopico Días.
Escribir a historia de vida axuda a activar os recordos, valorar o vivido, a mellorar a autoestima, a identificar capacidades, fortalezas e límites e a valorar a coherencia da nosa traxectoria vital. Con este obxectivo, os participantes no programa escriben a través dunha plataforma en liña os relatos e experiencias de toda unha vida, acompañados de fotografías, listas de música con códigos QR e outros documentos significativos que, tras finalizar o proxecto, se recollen nun libro único. A iniciativa enmárcase dentro do programa da entidade «O valor da experiencia», que ten como obxectivo poñer en valor a experiencia vital e profesional das persoas maiores.
Todas as persoas que participaron nesta nova edición de «Historias vividas» destacan a importancia de contar con proxectos coma este que proporcionan espazos para cumprir anos de forma activa e creativa e favorecen a creación dunha imaxe social das persoas maiores afastada de estereotipos. Así, Ángel García Vega, socio do Espazo +60 de Vigo, relata como «a medida que pasaban os anos botaba de menos non coñecer en profundidade as orixes da miña familia e que, unha vez xubilado, faría unha recompilación para deixala por escrito. E de súpeto, coma se alguén me lese o pensamento, atopeime con esta plataforma. Foi un exercicio de introspección que me axudou a ver algunhas cousas co prisma que dan os anos pasados e de como as percibo agora. Foi unha gran experiencia».
Tamén Ana María Dopico Días, socia do Espazo + 60 Afundación de Ferrol, subliña a achega que supuxo para ela «realizar este percorrido pola miña vida, vendo os meus tropezos, necesidades e carencias e descubrindo que tiña feridas sen pechar. Grazas a esta lembranza fun facéndoo todo posible, con bastante esforzo e moito tesón e grazas á axuda que recibín, terminei o meu libro, encantada e coas feridas curadas. »
Pola súa banda, Sabela Couceiro, coordinadora da área de Maiores de Afundación, expresou o compromiso da entidade co recoñecemento do valor da experiencia das persoas maiores, «pedra angular de programas como “Historias vividas”. Así, este proxecto pon en valor as traxectorias vitais das persoas participantes, os seus logros, metas e soños cumpridos ou por cumprir e, á súa vez, constitúe un legado para futuras xeracións».
«Historias vividas», que iniciou en 2023 a súa IV edición, utiliza como soporte a plataforma web Envita, deseñada especificamente para guiar a recompilación de historias engadindo textos e imaxes de forma guiada e seguindo unha liña temporal. Desta maneira, actívanse os recordos e engádese contido ao libro de vida, capítulo a capítulo, coincidindo coas diferentes etapas: infancia, mocidade, vida adulta e madurez. O equipo de profesionais de Afundación acompaña en todo momento ás persoas participantes a través de sesións grupais presenciais e en liña, e doutras canles de comunicación directos con atención personalizada. Os participantes á súa vez intégranse e son parte dunha comunidade na que comparten experiencias, relaciónanse, apóianse mutuamente e aprenden doutros.