
HelpAge International España e Afundación presentan en Vigo o VI Foro Internacional «Vivir más, vivir mejor»
Con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra cada 1 de outubro, HelpAge International España e Afundación, a Obra Social de ABANCA, presentan o vindeiro xoves 29 de setembro o VI Foro Internacional «Vivir más, vivir mejor». HelpAge España forma parte da rede global de HelpAge International, formada por 158 organizacións de 86 países. A súa misión é axudar as persoas maiores a reclamar os seus dereitos, enfrontárense á discriminación e superar a pobreza para que poidan gozar dunha vida digna, segura, activa e saudable.
Cada ano HelpAge International España organiza este foro que ten como obxectivo crear un espazo de coñecemento e divulgación sobre a revolución demográfica e o envellecemento no século XXI, debater sobre a realidade actual das mulleres e os homes maiores en España e no mundo, e sensibilizar a cidadanía e os actores políticos e sociais sobre os dereitos durante a vellez.
A cidade de Vigo foi elixida para acoller por primeira vez en Galicia este encontro anual, que tamén conta coa colaboración da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia, o Imserso e a Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía. Durante a xornada abordaranse os avances dos dereitos humanos das persoas maiores no ámbito internacional, desde as perspectivas de Nacións Unidas, a Organización Mundial da Saúde e a Global Aliance for the Rights of Older People. O Foro tratará, así mesmo, a situación das mulleres maiores e a discriminación por idade e fará as presentacións tanto do informe HelpAge 2022, Discriminación por razón de idade no ámbito laboral, no que se analizan os datos máis relevantes sobre a realidade do acceso das persoas maiores ao mercado laboral en España, como do novo Servizo Estatal de Atención a Persoas Maiores, o SEAM. O programa da xornada inclúe tamén un diálogo interxeracional entre mozos e maiores galegos e tratará os dereitos das persoas maiores desde a política galega.
O foro, estruturado en sesións de mañá e tarde, contará coa participación de figuras nacionais e internacionais como Claudia Mahler, experta independente sobre os dereitos das persoas maiores de Nacións Unidas; Vânia de la Fuente-Núñez, responsable da campaña mundial contra o idadismo da OMS; Isabel Martínez Lozano, presidenta de Helpage International España; Apolline Parel, representante de Age Platform Europe; Ken Bluestone, representante de The Global Alliance for the Rights of Older People (GAROP); Felipe Morente Mejías, catedrático de Socioloxía da Universidad de Jaén; Julia Sevilla Merino, xurista e feminista; ou María Sánchez Román, investigadora do CSIC.
Máis información e programa completo: https://www.helpage.es/foro-internacional-vivir-mas-vivir-mejor/
Inscricións en: https://cutt.ly/YC40y9v