Héctor Francesch dirixirá dúas visitas guiadas á súa mostra na Sede Afundación A Coruña
Ao longo da súa traxectoria creativa, Héctor Francesch (A Coruña, 1977) asinou unha obra plástica cun orixinal e recoñecible estilo: unha linguaxe visual única na que se observa una gran riqueza de referentes do cómic, a arte urbana ou a cultura popular. No marco da exposición sobre a súa obra «Cadros que nunca pintei», comisariada por Matilde Rodríguez na Sede Afundación A Coruña, o propio Francesch dirixirá dúas visitas guiadas ―martes 29 de outubro ás 19.00 e o sábado 9 de novembro ás 12.00 h―, cuxa reserva previa se debe realizar en Ataquilla.com. Afundación invita todas as persoas participantes nestas actividades de balde a doaren produtos non perecedoiros nos contedores situados na entrada da sede, que logo serán doados ao banco de alimentos local no marco do programa solidario de Afundación, «Cultura por alimentos».
A exposición permanecerá aberta ata o 25 de xaneiro.
Unha escolma das obras pódese ver aquí.
«Cadros que nunca pintei»
Asegura Matilde Rodríguez que na obra de Francesch as cores e as formas se entrelazan nunha danza de posibilidades infinitas, configurando unha viaxe ao interior da mente creativa, establecendo un percorrido polos símbolos, lugares e personaxes que moran na imaxinación do autor. Continúa a comisaria apuntando que a arte soñada e os propios anhelos creativos do pintor son a premisa de partida. Francesch comparte a súa vivencia de soñar esperto, onde as ideas flúen libres, as composicións se resolven na súa mente e a selección de cores e materiais xorde dun estado de pura intuición. Este proceso de visualización convértese nunha forma de arte en si mesma, un acto introspectivo que lle permite explorar o seu propio universo persoal e os sentimentos que o habitan. «O mundo que pinto mentalmente, ás veces son quen de convertelo en realidade plástica, unha realidade caprichosa feita á miña maneira, que xorde da emoción para converterse nunha filosofía coa única ansia de ver un mundo máis amable, xusto e no que todo é posible».
Unha mostra cunha clara vertente expandida no seu aspecto formal, que experimenta con materiais e formatos sen abandonar o seu particular enfoque gráfico no que combina ingredientes da arte urbana, o deseño e a ilustración, propios da súa formación. Establece así un xogo co que busca simplificar os elementos ao máximo, estilizando os obxectos ata crear pezas abstractas que destacan pola limpeza das composicións con cores vibrantes e liñas definidas.
Desde a súa primeira mostra no ano 1998 na Coruña, a súa produción ten sido parte de múltiples certames, como a IX Mostra Unión Fenosa, o Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, no que a súa obra foi adquirida en varias ocasións, ou no VIII Premio Auditorio de Galicia. Ademais, ten participado en feiras coma ArtMadrid ou Swab Barcelona e exposicións nacionais e internacionais, en Europa e América.
As creacións de Héctor Francesch son parte dalgunhas das mellores coleccións de arte de Galicia e de España, entre as que se encontra a Colección de Arte de Afundación, que atesoura obras de Francesch desde hai 19 anos.
«Cultura por alimentos»
A exposición «Cadros que nunca pintei» é parte da iniciativa solidaria «Cultura por alimentos», que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos. As persoas asistentes poderán deixar produtos non perecedoiros nos colectores instalados para ese efecto cando accedan á Sede Afundación A Coruña.