
O Grupo de Teatro Sénior de Afundación presenta El corregidor corregido no IES Rosalía Mera da Coruña
O Grupo de Teatro Sénior de Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta no IES Rosalía Mera da Coruña a obra El corregidor corregido, unha adaptación libre de La molinera de Arcos, de Alejandro Casarón, dirixida por Víctor Díaz Barús. Será mañá, xoves 18 de abril, a partir das 16.30 h.
Esta proposta enmárcase no ámbito da promoción do voluntariado interxeracional e o compromiso social e cultural de Afundación.
O Grupo de Teatro Sénior de Afundación foi fundado na Coruña no ano 1984 polo profesor e director Víctor Díaz Barús. Debutan ese mesmo ano con motivo do 25 aniversario da inauguración do Espazo +60 Afundación da Coruña coa obra Casamento á forza de Molière.
A partir do ano 1992 alcanza unha gran notoriedade nos circuítos de teatro afeccionado, con numerosas saídas e recoñecementos tanto no ámbito galego como estatal. Mesmo algún dos seus integrantes participa en series de televisión como Mareas vivas, Libro de familia ou Serramoura, en películas como O lapis do carpinteiro e en diferentes anuncios.
Na actualidade o grupo está conformado por socios e socias con idades comprendidas entre os 61 e os 88 anos.