Grandes obras da arte pop no Café Moderno Afundación Pontevedra con «This is pop. Das latas de Andy Warhol ás túas»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta desde hoxe no seu Café Moderno Afundación Pontevedra a mostra «This is pop. Das latas de Andy Warhol ás túas», unha proposta enmarcada no programa «Cultura por alimentos», que, en colaboración con FESBAL, anima a que as persoas visitantes e usuarias de actividades de Afundación contribúan con alimentos non perecedoiros depositados nos colectores habilitados para seren doados aos bancos de alimentos. O acto de inauguración de hoxe, en rolda de prensa, contou coa asistencia de Antonella Montinaro, comisaria; Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación; Jose Luis Ramírez Matos, xefe de Zona Pontevedra Metropolitana, Dirección Territorial ABANCA; Iván Martínez, presidente da Fundación Provincial de Bancos de Alimentos; e José Luis Doval, responsable do Banco de Alimentos de Pontevedra.
As imaxes están dispoñibles aquí.
«This is pop. Das latas de Andy Warhol ás túas» recompila 63 producións de 29 artistas que abordan a arte pop desde as súas orixes nos anos cincuenta ata os nosos días. Andy Warhol, Roy Lichtenstein, Robert Rauschenberg, Eduardo Paolozzi, Richard Hamilton, Peter Blake, Yayoi Kusama, Equipo Crónica, Equipo Realidad, Eduardo Arroyo, Rafael Canogar, Damien Hirst, Takashi Murakami, Jeff Koons, Yoshitomo Nara, Julian Opie, Mr., Shepard Fairey (Obey), Kaws, D*Face, Boamistura e Okuda, entre outros.
A arte pop foi un movemento xurdido a finais da década de 1950 en Reino Unido e Estados Unidos como reacción artística ante o expresionismo abstracto e que se caracterizou polo emprego de imaxes e temas tomados da sociedade de consumo e da comunicación de masas aplicados á arte. Utilizaban imaxes coñecidas cun sentido diferente para acadar unha postura crítica da sociedade de consumo.
O neo-pop, pola súa parte, é unha corrente artística vivo exemplo da posmodernidade do século XX, onde ironía, repetición, apropiación, deconstrución e distintas linguaxes ou referencias xeran unha arte a veces kitsch e de matices mixtos. Non hai homoxeneidade, igualmente se utilizan como fonte de inspiración as imaxes da cultura popular ca os medios de comunicación de masas. Todos os artistas neo-pop teñen en común o feito de utilizar a iconografía dos cómics, dos debuxos animados, dos anuncios publicitarios ou incluso a da obra doutros artistas pop xa consagrados. Igualmente, se algo caracteriza a arte urbana do século XXI arredor do mundo é a súa heteroxeneidade. As intencións dos seus autores son moi diversas e variadas, non todos manexan a linguaxe da subversión e a ironía, non todos tratan de incitar no público reflexións sociais nin políticas, pero si buscan chamar a atención, sorprender ao ocuparen un espazo público non concibido inicialmente para albergar obras deste tipo, ao converteren a rúa nun museo ao aire libre.
O que une todos estes movementos é un sistema referencial e subxectivo. Tratase duns estilos que regresan á realidade cotiá da vida diaria, unha cultura popular con protagonismo da televisión, as revistas ou os cómics.
Esta exposición inclúe unha selección de artistas que levan traballando a linguaxe pop desde as súas orixes a mediados do século XX ata os nosos días, realizando unha análise comparada das producións artísticas de EEUU, Reino Unido e España.
A través dun percorrido multidisciplinar e de carácter divulgativo, o público poderá contemplar desde as serigrafías de Marilyn Monroe elaboradas por Andy Warhol, ata as famosas latas Campbell protagonistas da súa produción, ou a repercusión en España co Equipo Crónica, pasando pola arte pop en Reino Unido e a continuidade no pop urbano.
Para descubrir as claves deste movemento cultural, as súas raíces históricas e as súas iconas máis destacadas, o equipo de Afundación deseñou un completo programa de actividades didácticas orientado a todos os grupos de idade escolar no que xa se apuntaron, no momento da inauguración, 700 escolares de Pontevedra e arredores.
A mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase contemplar ata o 14 de xaneiro de luns a venres de 17.30 a 20.30 h, e sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 2030 h.