A campaña «Goza da praia sen deixar pegada» chega á praia de Compostela da man de Afundación
A campaña «Goza da praia sen deixar pegada» impulsada por Afundación, a Obra Social de ABANCA, no marco do seu programa PLANCTON, chega hoxe á praia de Compostela, en Vilagarcía de Arousa, co obxectivo de sensibilizar aos turistas que visiten este fermoso areal sobre a necesidade de compatibilizar o uso recreativo das praias coas actividades socioeconómicas que se levan a cabo nestes espazos naturais, como é o caso do marisqueo.
Nesta nova iniciativa de sensibilización medioambiental do plan de conservación territorial de Afundación colaboran activamente as mariscadoras da Asociación de Mariscadoras de Carril, quen se encargan de informar directamente aos turistas sobre o seu traballo e sobre as boas prácticas no uso e desfrute das praias, tomando deste xeito o relevo ás mariscadoras da Confraría de pescadores de San Xulián da Illa de Arousa, xa que foi na praia de Xestellas, ao carón do Carreirón, onde se desenvolveron inicialmente as labores informativas desde que a comezos de xullo principiase esta nova edición da campaña que conta coa colaboración dos concellos de ambas localidades.
Ademais dos labores informativos, as mariscadoras facilitarán ás persoas interesadas diferentes obxectos, como cinceiros portátiles para evitar o depósito ou enterramento de cabichas nas praias, ou bolsas portátiles reutilizables que poden ser destinadas a retirar lixo durante os paseos polas praias.
Unha exposición ao aire libre formada por 3 tótems a pé de praia permanecerá na praia de Compostela, en Vilagarcía de Arousa, até o vindeiro 13 de setembro, e axudará tamén a difundir as mensaxes desta campaña na que se invita, por exemplo, aos turistas a respectar as zonas de cultivo de bivalvos, a empregar protectores solares non prexudiciais para o medio mariño ou a evitar deixar lixo nas praias, prácticas moi sinxelas que repercutirán en beneficio de todos, tanto dos propios bañistas como das persoas que traballan no mar.
PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial no que se enmarca esta campaña impulsada por Afundación, forma parte da estratexia de sostibilidade de ABANCA e a súa obra social, e ten como obxectivo fomentar a conservación e a sostibilidade das actividades socioeconómicas que se levan a cabo en diferentes lugares de Galicia que contan con elevados valores no campo ambiental. Un plan que leva xa retiradas máis de 46 toneladas de residuos de diferentes enclaves repartidos ao longo de toda a xeografía costeira de Galicia.