
Afundación impulsa unha campaña en Muros para compatibilizar os usos turísticos das praias co marisqueo
«Goza da praia sen deixar pegada» é o título da campaña informativa impulsada pola Obra Social de ABANCA que se iniciou hoxe na praza de abastos de Muros. A iniciativa ten como obxectivo sensibilizar os turistas que visiten as praias deste concello durante a época estival sobre a necesidade de compatibilizar o seu uso recreativo coas actividades socioeconómicas que habitualmente se levan a cabo nelas, fundamentalmente o marisqueo a pé. Nesta terceira edición, a campaña situarase na ría de Muros e Noia, tras desenvolverse en veráns anteriores na ría de Arousa.
O acto de presentación contou coa participación de Pilar Alves Moreno, coordinadora Xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Institucional de Afundación; Saleta González, directora técnica do proxecto PLANCTON; Víctor Escaris e Yolanda Suárez, director de zona e directora da oficina de ABANCA de Muros, respectivamente; Adelaida Lestón Mayo, presidenta da Agrupación de Marisqueo a Pé da Confraría de Pescadores de Muros; e a alcaldesa de Muros, María Lago Lestón, como representantes das tres entidades implicadas.
A campaña desenvolverase desde hoxe ata o día 9 de setembro, e contará, entre outras actuacións, cunha exposición ao aire libre composta por tótems informativos instalados ás portas da praza de abastos, sobre o traballo do marisqueo, o valor da biodiversidade e as boas prácticas no uso recreativo das praias. Nela recoméndase, por exemplo, respectar as zonas de cultivo de bivalvos, empregar protectores solares non prexudiciais para o medio mariño ou a evitar deixar lixo nas praias, prácticas moi sinxelas que repercutirán en beneficio tanto dos usuarios dos areais como das persoas que traballan no mar.
Ademais, Afundación instalará tamén vinilos informativos nas oficinas de ABANCA dos concellos de Muros, Porto do Son, Carnota, Portosín e Noia, así como mensaxes en valos publicitarios de gran formato, e carteis nas liñas de autobús que comunican o concello de Muros con Santiago de Compostela.
Como complemento a toda esta serie de actuacións, as propias mariscadoras repartirán entre as persoas que visiten os areais, cinceiros portátiles para tratar de reducir o número de cabichas depositadas nas praias, así como bolsas reutilizables para animar os visitantes a que recollan residuos durante os seus paseos pola praia.
PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial no que se enmarca esta campaña, é parte da estratexia de sostibilidade de ABANCA e a súa obra social, e ten como obxectivo fomentar a conservación e a sostibilidade das actividades socioeconómicas que desenvolven no mar. Un plan no que, grazas á participación de máis de 3000 persoas e 11 000 horas de traballo de voluntariado, lévanse xa retiradas máis de 72 toneladas de residuos de diferentes enclaves repartidos ao longo de toda a costa galega.
As imaxes da campaña están dispoñibles nesta ligazón.
Máis sobre PLANCTON