Monstros de Goya e de Stéphane Levallois, un dos grandes do cine fantástico e do cómic, dialogan con Hellboy
Os monstros que Francisco de Goya pintou hai máis de 200 anos dialogarán durante boa parte deste verán en Galicia, na Sede de Afundación na Coruña, cunha das criaturas do cómic e o cinema fantástico máis populares do século XXI na exposición «Goya-Hellboy. Unha iconografía de monstros por Stéphane Levallois». Inaugurada este mércores, a mostra reúne 72 obras orixinais nas que o prestixioso debuxante francés Stéphane Levallois reflexiona e captura a iconografía do pintor e gravador español en creacións feitas a partir do universo do superheroe contemporáneo Hellboy. As persoas que a visiten tamén atoparán algunha das series máis destacadas dos gravados de Goya: «Os caprichos» e «Os disparates», procedentes da Colección de Arte Afundación, e dúas láminas cedidas e asinadas polo creador da saga Hellboy, o lendario autor de cómics estadounidense Mike Mignola. A exposición, comisariada polo recoñecido especialista en cinema e banda deseñada Asier Mensuro, permanecerá aberta ata o 31 de agosto.
Stéphane Levallois (París, 1970) é o responsable do deseño de personaxes e do universo creativo de películas como a saga de Harry Potter, Jurassic Park ou Piratas do Caribe. Autor de banda deseñada e artista conceptual de cinema, na súa vasta obra destacan, ademais, creacións feitas por encargos de institucións culturais como os museos parisienses do Louvre ou do Orsay. Para o primeiro creou o libro Leonard2Vinci. Para o segundo, a irreverente fábula Les disparues d’Orsay (Os desaparecidos de Orsay), unha atípica guía de visita ás obras expostas na institución parisiense.
Un proxecto de Afundación
Foi precisamente durante unha visita a outro recinto museístico, o madrileño Museo do Prado, onde Stéphane Levallois quedou impresionado ao contemplar en persoa as pinturas de Goya. Sucedeu en 2019. Da fascinación polas obras do xenio de Fuendetodos xorde o traballo que dá lugar a esta exposición. Nela, tamén pode verse un audiovisual con Levallois en pleno proceso creativo mentres visita o Prado e o tamén madrileño Museo Lázaro Galdiano, que ten entre os seus fondos importantes obras de Goya.
A aposta pola ilustración é unha das principais liñas de traballo de Afundación en materia de arte. Lembrouno durante a inauguración de «Goya-Hellboy», este mércores, a coordinadora adxunta da área de Cultura da Obra Social de ABANCA, Paloma Vela: «A ilustración, o deseño e o cómic son especialmente importantes para Afundación, tanto pola súa relevancia para a arte contemporánea en xeral, como pola importancia que, en particular, teñen en Galicia. Ademais, cómpre destacar que Afundación foi a primeira entidade privada en adquirir, para a súa colección de arte, obra de banda deseñada, o que nos converte nunha institución pioneira». A Obra Social ABANCA tamén promove a Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, e o Festival Internacional de Animación IMAXINARIA. Ademais, a ilustración e o cómic están presentes con frecuencia na súa programación de artes plásticas.
Obras de Goya e Mignola
Tal e como sinala o comisario da exposición, Asier Mensuro, «Goya-Hellboy» tende pontes «entre Goya, o gran creador de monstros e fantasía do século XIX, e Stéphane Levallois, o gran creador de monstros cinematográficos do século XXI».
O público poderá contemplar obras de Goya mentres coñece o traballo de Levallois. De Mike Mignola, creador da saga Hellboy, expóñense a portada de In the Chapel of Moloch (Na capela de Moloch) e unha ilustración de Hellboy que homenaxea ou famoso lenzo Átropos, de Goya.
«Goya-Hellboy» intégrase no programa solidario «Cultura por alimentos», de Afundación e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Na entrada da Sede de Afundación na Coruña haberá contedores habilitados para recoller alimentos non perecedoiros que serán doados ao Banco de Alimentos Rías Altas que, á súa vez, os repartirá entre persoas e familias vulnerables.
Imaxes dispoñibles nesta ligazón.