Turismo de Galicia e Afundación presentan «Galicia a un paso de ti», unha invitación a redescubrir este paraíso
Turismo de Galicia e Afundación, a Obra Social de ABANCA, mostrarán ata o próximo 15 de maio, na Sede de Afundación en Santiago de Compostela a exposición «Galicia a un paso de ti», que pode visitarse de luns a sábado en horario de 17.30 a 20.30 h. A mostra, que presenta a través de 216 fotografías de Adolfo Enríquez a espléndida natureza de Galicia e o seu rico patrimonio histórico, é unha invitación aos seus habitantes e a quen a visita a coñecer, descubrir e tamén redescubrir a súa gran riqueza. O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet inauguraron esta mañá a mostra, que percorrerá posteriormente outras sedes da Obra Social de ABANCA.
Durante a presentación, o vicepresidente da Xunta destacou «a oportunidade de confirmar que somos privilexiados por vivir no mellor lugar do mundo, nun destino con tantos recursos turísticos dos que esta mostra plasma algúns exemplos das marabillas e tesouros da comunidade». Pola súa banda, o presidente de Afundación subliñou como este proxecto «promove o acceso a un coñecemento de Galicia tanto cognitivo como emocional, pero ademais leva implícito un concepto esencial para o momento de cambio que vivimos, como é a idea de «aprender a coidar». A protección da contorna e das persoas é un exercicio necesario que debemos practicar, non só para construír un mundo mellor no que vivir nós e as xeracións vindeiras, senón para amar ese mundo, porque só coidamos aquilo que amamos e amamos aquilo que coñecemos.»
«Galicia a un paso de ti», producida por Turismo de Galicia, é unha exaltación do territorio galego e o seu extraordinario poder de atracción, dunha terra única e privilexiada. As circunstancias excepcionais provocadas polo impacto da COVID-19, que limitaron os desprazamentos, serviron tamén para que en cada recanto do planeta os seus habitantes detivéranse a observar o que teñen máis preto, a valoralo e a reflexionar sobre a importancia de preservalo. Así nace este proxecto de Turismo de Galicia, sustentado en tres piares: a natureza, o patrimonio e o Camiño de Santiago. A mostra detense, primeiro, na natureza: as instantáneas do fotógrafo Adolfo Enríquez mostran as súas espléndidas praias, a Galicia interior que bañan mil ríos, o seu hábitat privilexiado, os seus 6 parques naturais, o Parque Nacional das Illas Atlánticas… E continúa despois mostrando a súa historia, o Camiño de Santiago e a zona histórica de Compostela, a Muralla de Lugo ou a Torre de Hércules, declarados todos eles pola UNESCO «Patrimonio da humanidade» e outros moitos recantos emblemáticos, os seus costumes, as súas festas ou a súa gastronomía, conservados ao longo dos séculos, nunha simbiose perfecta de tradición e modernidade.
Imposible recoller todo o esplendor de Galicia en 216 imaxes, que si serven para cativar a quen non a coñece e para convidar a quen a habita a descubrir pequenos paraísos que están apenas a uns pasos.
O AUTOR
Adolfo Enríquez (Porto do Son, 1965) empezou na fotografía aos 14 anos, por casualidade, cando o seu pai levou á súa casa unha cámara Yashica Electro 35 que atopara abandonada. Desde entón, a fotografía forma parte da vida deste autor, convertido nun nomeado profesional cunha gran paixón: os escenarios naturais de Galicia. Unha devoción plasmada en guías e revistas de viaxes; exposicións en varios continentes, e nos libros Cara a Santiago e Sinte Galicia. Hacia Santiago e Sinte Galicia.
As imaxes están dispoñibles na seguinte ligazón:
https://drive.google.com/drive/folders/1TvVIbEjkUs7yQAuyXCAmUndJQfXMZId8?usp=sharing