
ATIGA e IESIDE asinaron hoxe en Vigo un convenio de colaboración académica e profesional
IESIDE, o Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa da Obra Social de ABANCA e ATIGA, a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia, asinaron esta mañá en Vigo un convenio de colaboración académica e profesional. O presidente de ATIGA, Juan Vieites Baptista de Sousa e o secretario xeral de IESIDE e director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, ratificaron o acordo que establece un marco de actuación conxunto para o desenvolvemento de iniciativas vinculadas tanto co ámbito académico implementado en IESIDE como co contexto investigador e empresarial de ATIGA.
O centro de Educación Superior especializado na empresa de referencia no noroeste peninsular ofrecerá aos profesionais das empresas e entidades vinculadas a ATIGA a posibilidade de acceder aos seus programas formativos de primeiro nivel nunhas condicións especiais. Así, contarán con descontos vantaxosos por mor deste acordo nas súas titulacións, que cobren un amplo espectro no marco da xestión empresarial a través de programas como o Grao en Administración e Dirección de Empresas; mestrados como MBA (nas súas vertentes universitaria e executive), Dirección Financeira, Dirección de Marketing, Negocios Internacionais e Marketing Dixital; programas de duración media (Dirección de Vendas, Corporate Compliance ou Big Data); ou proxectos de formación in-company.
Así mesmo, ATIGA e IESIDE comprométense, en virtude de acordo subscrito hoxe, a organizar e fomentar eventos de interese para ambas as entidades de forma conxunta.
ATIGA
A Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), creada en 2012, está composta por AIMEN, ANFACO- CECOPESCA, CETIM, CTAG, ENERGYLAB, GRADIANT e ITG, os sete centros tecnolóxicos galegos de carácter estatal. Os centros tecnolóxicos de ATIGA son aliados estratéxicos en I+D+i para o empresariado galego e ofrecen unha dilatada experiencia no desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación para os principais sectores estratéxicos de Galicia.
A través da cooperación entre os seus membros, ATIGA traballa para alcanzar a excelencia tecnolóxica, fomentar a participación conxunta no desenvolvemento grandes proxectos consorciados nacionais e da UE e ofrecer ás empresas maiores oportunidades de actuación a nivel internacional. Actualmente, é a principal Alianza privada no ámbito da innovación en Galicia e o maior axente mobilizador da I+D+i empresarial. A nivel nacional ATIGA está entre as 3 principais alianzas privadas de innovación.
Os nosos centros tecnolóxicos sitúan a innovación como eixo básico da mellora do tecido produtivo e da modernización da industria. O reto é colocar a Galicia como referente tecnolóxico, unindo esforzos para competir mellor a nivel nacional e europeo e alcanzar así maiores cotas de competitividade e benestar social.
En 2019 os nosos centros ingresaron preto de 84 millóns de euros, desenvolveron 631 proxectos de I+D+i e empregaron a 1.328 persoas, en xeral empregos estables e de alta cualificación.
IESIDE
No ámbito da educación superior, con máis de 60 000 estudantes egresados, IESIDE é a institución de educación superior privada sen ánimo de lucro de referencia no noroeste peninsular. Desenvolve un modelo no que a orientación internacional e intercultural, con acordos con universidades nacionais e internacionais de referencia; a excelencia académica, fundamentada no seu claustro de profesores, e a metodoloxía docente de recoñecido prestixio son factores diferenciais.
A innovación tecnolóxica, un dos seus piares, permitiulle alcanzar o nivel TI Avanzado Tipo 2 establecido pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE Universidades Españolas), algo que só logran o 3,79 % dos centros universitarios nacionais.
Así mesmo, IESIDE é un centro universitario e instituto de negocios no que os principios da responsabilidade social, o voluntariado e a sustentabilidade ecolóxica constitúen valores transversais presentes tanto na programación académica como nas propostas extracurriculares desenvolvidas que conduciron á institución para formar parte iniciativas internacionais como Principles for Responsible Management Education, a Rede de Solucións para o Desenvolvemento Sostible ou a UNEP FI ( United Nations Environment Programme Finance Initiative), sendo a primeira institución de ámbito universitario en Europa en adherirse a ela.