
María Sánchez, Armando Álvarez e José María Paz Gago, finalistas do Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba
Tres columnistas de opinión de tres dos principais xornais de España son os finalistas da 44ª edición do Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba. A escritora María Sánchez opta cunha columna publicada en La Vanguardia; o xornalista Armando Álvarez cun artigo publicado en Faro de Vigo; José María Paz Gago presentou ao premio una das súas columnas en ABC. O xurado tivo este ano, por primeira vez, dous membros latinoamericanos: o escritor e exvicepresidente de Nicaragua Sergio Ramírez, e o director da Fundación Gabo, Jaime Abello. O próximo 16 de xaneiro o xurado volverá a deliberar, para elixir entre os tres artigos. Inmediatamente fará pública a súa decisión no transcurso dun evento que se celebrará na Casa de América en Madrid. O galardón conleva unha dotación económica de 10.000 euros.
O xornalista Armando Álvarez participa co artigo titulado «El glaciar y la luz», publicado en Faro de Vigo, medio no que desempeña a súa actividade desde hai máis de 20 anos. Pola súa banda, a escritora, veterinaria e investigadora cordobesa María Sánchez Rodríguez opta cun artigo publicado en La Vanguardia, xornal co que colabora habitualmente e no que mantén unha sección mensual. A columna ten o seu título en galego: «Escoitar ós mortos».
O articulista e catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada José María Paz Gago foi elixido entre os finalistas pola columna de opinión «La pluma y la pistola», publicada en «La Tercera» de ABC.
O presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet lembrou tras coñecer a decisión do xurado que este ano o número total de candidaturas foi de 134. «É algo que nos enche de satisfacción porque supón un incremento con respecto a edicións anteriores e Afundación quere, con este premio, promover o bo xornalismo. Lembremos que nos relacionamos co mundo a través das palabras, que alargan os límites do pensamento. E os xornalistas, especialmente aqueles con sentido ético e estético, son fundamentais en todo iso». Na 44ª edición do Premio participaron articulistas de Arxentina, Colombia, México, Costa Rica e España. Finalmente, de entre os 134 aspirantes quedan tres. Escotet cre que agora «o xurado terá unha difícil tarefa para elixir cal de entre os finalistas resultará gañador porque participan con tres excelentes textos xornalísticos».
Máis preto de América Latina e o Caribe
As voces do colombiano Jaime Abello e o nicaraguano Sergio Ramírez sumáronse este ano ao xurado do galardón nun primeiro paso para abrilo máis aos medios de América Latina e o Caribe. Con case 50 anos de historia, o Premio Internacional Afundación de Xornalismo Julio Camba é un dos galardóns da súa categoría máis importantes en lingua española. A Obra Social de ABANCA, Afundación, entidade promotora da convocatoria, está a deseñar cambios para próximas convocatorias orientados, en primeiro lugar, a promover o diálogo entre articulistas e lectores de diferentes territorios de América e Europa.
O xurado da actual edición do Premio presídeo o novelista Alfredo Conde. Acompáñanlle como vogais, ademais de Sergio Ramírez e o director da Fundación Gabo, Jaime Abello, os escritores e xornalistas Cristina Sánchez-Andrade, Bibiana Candia, Ramón Pernas e Manuel de Lorenzo. O director de Comunicación de ABANCA, Isaac González Toribio, actúa como secretario.
A persoa elixida na XLIV edición do Premio Internacional Afundación de Xornalismo Julio Camba sumarase á extensa nómina de persoas premiadas desde 1980: Gonzalo Fernández da Amora, Luciano del Río Besada, Carlos García Bayón, Alfredo Conde, Bernardo Víctor Carande, Antonio Odriozola, Raimundo García Fernández, Adolfo Prego, José Montero Alonso, Rafael Landín Carrasco, Julio Sierra, Xesús Ferro Ruibal, Arturo Lezcano Fernández, Santiago Castelo, Torcuato Luca de Tena, Carlos Casares, Miguel Ángel Cadrado, Juan Manuel de Prada Blanco, Diego Bernal López, Alfonso Eire López, César Casal González, Miguel Suárez Abel, Manuel Rivas Barros, Manuel Jabois Sueiro, Marino Gómez Santos, Eugenio Fonte, Fernando Savater, Felipe Benítez Reyes, Andrés Trapiello, Pedro Ugarte Tamayo, Ángela Vallvey Arévalo, Ramón Pernas López, José Manuel Otero Lastres, Ángeles Caso, #Luis Ventoso, Ignacio Camacho, Ramón Loureiro Calvo, Miguel Anxo Murado, Ricardo Fernández Colmenero, Cristina Sánchez Andrade, #Luis Pousa, Bibiana Candia e Manuel de Lorenzo Paradela, gañador da pasada edición.