
ABANCA e Afundación presentan en Ribadavia a exposición fotográfica «Fillos do océano»
Afundación, ABANCA e o Concello de Ribadavia presentan ata o próximo 7 de xaneiro a exposición « Fillos do océano», unha síntese das mellores imaxes que o fotógrafo Javier Tenente tomou, durante varios anos, nunha viaxe por comunidades pesqueiras tradicionais de todo o mundo. Na apertura da mostra, que tivo lugar hoxe ás 11.30 h, estiveron presentes o alcalde, César Manuel Fernández Gil; a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez Gómez; o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso San Román; e a coordinadora institucional de Afundación para Lugo e Ourense, Beatriz Fernández- Anguiano.
Trátase dun percorrido fotográfico único polas poboacións costeiras dos cinco continentes, composto por máis de setenta fotografías e que pode visitarse na Casa da Cultura de Ribadavia de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 20.30 h.
«Fillos do océano» é unha exposición de fotografía documental que presenta a forma de vida de poboacións que aínda subsisten grazas á pesca artesanal en países como a India, Senegal, Vietnam, Sri Lanka, Madagascar ou mesmo Galicia. Javier Teniente investiu varios anos fotografando a forma de vida destas comunidades que dependen exclusivamente do mar e que están a sufrir o esgotamento dos recursos mariños por sobreexplotación ou por causa da contaminación.
A mostra constitúe unha homenaxe a todos eses pescadores que viven do mar e para o mar e obteñen del todo o necesario para a súa supervivencia. Tamén é unha chamada de atención e de concienciación social a favor da preservación dos ecosistemas mariños, para que se regulen tanto as pesqueiras coma a contaminación marítima. «Só así, preservando o medio, conservaranse as culturas ligadas á pesca artesanal. Un modo de vida co que, certamente, non se obteñen tantos beneficios a curto prazo como coa pesca industrial, pero que é máis sostible social e ambientalmente», sinala o fotógrafo. Segundo datos da FAO, a mediados do século XX pescábanse 18 millóns de toneladas de peixe por ano. Hoxe esa cifra aumentou ata os 100 millóns. As pesqueiras mundiais estanse a enfrontar a unha crise sen precedentes, xa que a pesca moderna está dominada por buques pesqueiros industrializados que semellan estar por riba da capacidade dos océanos para restituír a cantidade de peixe capturada. No outro lado atópanse as comunidades de pescadores artesanais, cunha forza total de traballo que alcanza os 100 millóns de persoas en todo o mundo, das cales, 23 millóns sobreviven con menos dun dólar americano ao día.
Javier Teniente inicia o seu traballo profesional nos diarios Faro de Vigo e Atlántico Diario, nos que desenvolve o seu labor como fotógrafo de prensa durante varios anos, ata considerarse a si mesmo preparado para emprender o seu percorrido como reporteiro. Esta nova etapa levarao dun extremo a outro do mundo, cubrindo algúns dos máis importantes acontecementos das últimas décadas. Na actualidade traballa como fotógrafo independente, representado pola axencia Getty Images. As súas fotografías foron publicadas nalgunhas das revistas e xornais máis importantes de España, como El País Semanal, Geo, Interviú, Magazine de La Vanguardia, El Mundo ou Tiempo. Entre os anos 1998 e 2005 colaborou como fotógrafo coa ong Médicos do Mundo e cubriu conflitos bélicos e catástrofes naturais en diferentes lugares do mundo, entre os que cómpre destacar os traballos realizados en Centroamérica (Furacán Mitch 1998), Kosovo (1999), Timor (1999), Iraq (2003), Haití (2004) ou o tsunami en Banda Aceh, Indonesia (xaneiro de 2005). Gañou en dúas ocasións o prestixioso Premio Internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria (2003 e 2005), ademais de recibir o Premio Galicia de Comunicación (2004) e unha mención especial nos Premios Ortega e Gasset de Xornalismo (2006).