Fantasía, Robot Dreams, ou curtas para o público infantil, no programa familiar do Festival Imaxinaria
Un día antes de que se saiba se a película española de animación Robot Dreams acada o Premio Oscar polo que compite, o público de «Imaxinaria» poderá asistir á proxección do filme na Sede de Afundación na Coruña. A proxección de Robot Dreams é parte da programación infantil do evento, promovido pola Obra Social de ABANCA.
Entre o 6 e o 10 de marzo, o Festival Internacional de Animación Afundación, «Imaxinaria», fará chegar a Galicia boa parte da mellor produción internacional de cinema animado de autor no último ano. E a infancia volverá ter un lugar moi destacado entre os seus públicos. Haberá actividades para escolares e para familias, estas últimas concentradas nos dous últimos días do festival, o sábado 9 e o domingo 10 de marzo. Ademais, e nas mañás dos días anteriores, alumnado de centros educativos poderá ter unha experiencia de cinema en «Imaxinaria». Participarán nas actividades organizadas pola Área Educativa de Afundación en coordinación co equipo do festival.
A Obra Social de ABANCA creou «Imaxinaria» o pasado ano xunto ao multi-premiado realizador galego de cinema de animación Alberto Vázquez e a tamén comisaria da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, Matilde Rodríguez. O festival está nace para ser un punto de encontro do cinema de animación en Galicia e unha canle de relación coas mellores producións de cinema animado de autor realizadas durante o ano anterior.
O evento conta cunha sección oficial na que participan 50 películas a concurso. Hai, ademais, diversas actividades paralelas: desde clases maxistrais para profesionais do mundo da animación, a seccións temáticas, retrospectivas, ou encontros de cineastas co público. E un programa familiar dedicado aos máis pequenos e pequenas e deseñado para apoiar a creación de públicos para o cinema de animación desde a infancia.
De Robot Dreams a Disney ou Mattotti
O groso da programación familiar de «Imaxinaria» concentrarase na tarde do sábado 9 e a tarde do domingo 10 de marzo. Ás 16 horas do sábado, está programada a proxección das curtametraxes destinadas para o público infantil que compiten na sección oficial do festival. Os menores, que deben asistir acompañados de persoas adultas, poderán emitir os seus votos. Outorgarán o premio do público infantil.
Xa ás 19.45 horas do sábado 9 comezará a proxección de Robot Dreams, a película de Pablo Berger. Estreada no certame cinematográfico de Cannes, distinguida con algúns dos mellores premios de cinema de Europa, o Goya incluído, será proxectada horas antes de que se saiba se tamén será merecedora dun Óscar. Pablo Berger chegou a confirmar a súa participación en «Imaxinaria» nun encontro co público coincidindo coa proxección. Pero o seu nomeamento aos Premios Óscar e a coincidencia de datas fixo imposible a súa participación. Polo menos, en persoa.
Xa o domingo 10, será a quenda de A famosa invasión dos osos en Sicilia. Á figura do creador da película, o italiano Lorenzo Mattotti, dedícalle este ano «Imaxinaria» a sección «Do cómic á animación», que volve sobre o traballo de creadores e creadoras audiovisuais que, nunha evolución natural e moi habitual, chegan ao cinema de animación procedentes do cómic.
Aos nomes de Berger e Mattotti únese, no programa do festival promovido por Afundación, o do máis importante clásico do cinema de animación: Walt Disney. A súa película Fantasía, a primeira longametraxe que produciu a entón incipiente factoría Disney, será proxectado será proxectado durante a primeira xornada do festival, o mércores 8 de marzo ás 20.30 horas. A Disney dedícalle o festival este ano a sección «Na retina», que volve a vista sobre o traballo de grandes cineastas de animación na historia.
Actividades para escolares
Durante a primeira edición de «Imaxinaria», a do pasado ano, máis de 600 estudantes de 15 centros escolares participaron nas actividades do festival coordinadas pola área Educativa de Afundación. A experiencia, toda unha inmersión no mundo do cinema de animación pensada para os máis pequenos, resultou exitosa. Os centros escolares volverán participar no festival os días 7 e 8 de marzo.
O Festival Internacional de Animación «Imaxinaria» alcanza a súa segunda edición. O ano pasado, atraeu a máis de 2.500 espectadores. Co evento volven as proxeccións, as seccións monográficas, as masterclasses para profesionais, as actividades para familias, ou os encontros con cineastas.
«Imaxinaria» forma parte da iniciativa solidaria «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). As persoas asistentes comprarán a súa entrada solidaria en Ataquilla.com e a recadación entregarase integramente ao Banco de alimentos Rías Altas.