Afundación anuncia as persoas finalistas do XLI Premio Afundación de Periodismo Julio Camba
Afundación, a Obra Social de ABANCA, deu a coñecer hoxe os artigos finalistas do Premio Afundación de Xornalismo Julio Camba, tras a deliberación do xurado, integrado por Alfredo Conde, Cristina Sánchez Andrade, Elvira Lindo, Gervasio Posadas, Ramón Pernas e Isaac González Toribio que, nesta ocasión, ante o contexto actual provocado pola COVID-19, se reuniu de forma telemática nas distintas localidades de residencia dos seus integrantes. Noemí Sabugal, polo seu artigo «Vendrá la despoblación y tendrá mis ojos», publicado na revista CTXT; Luis Pousa, por «En Madrid llueve mal», en La Voz de Galicia; e Marta Villar Rodríguez, por «Mi madre aprende a dibujar», en La Opinión, son as persoas finalistas da XLI edición destes galardóns aos que se presentaron un total de 93 artigos.
Tras darse a coñecer a resolución do xurado, Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación, destacou o elevado número de participantes como aval da persistencia deste premio: «Hoxe, un ano despois de celebrar o corenta aniversario do galardón, continuamos vendo crecer o premio, pois conta con case un centenar de textos presentados, case cen sinaturas do ámbito nacional e internacional, moitas delas moi recoñecidas e fecundas. É o Camba, sen dúbida, un premio internacional en lingua castelá que fai honor ao escritor que lle dá o nome e que esperamos, e para iso traballamos, que continúe sendo un espazo que dea eco aos columnistas do noso tempo, como o fixo cos seus antecesores, e como o fará, estou seguro, coas novas xeracións que comezan a transitar o xénero do xornalismo narrativo». Pola súa banda, Alfredo Conde, como presidente do xurado, quixo subliñar o nivel dos tres artigos seleccionados e de moitos dos que concorreron a esta edición: «Tres artigos espléndidos. Calquera deles son merecedores deste premio e os seus autores de ser considerados como grandes articulistas».
A esta convocatoria puideron presentarse todos aqueles artigos incluídos no xénero de xornalismo literario ou ben no de artigo de opinión, coa única condición de que só podía concorrer un texto por asinante que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas. O premio está dotado con 10 000 euros.
Na nómina de persoas distinguidas co galardón atópanse, desde a primeira edición en 1980, Gonzalo Fernández de la Mora, Luciano del Río Besada, Carlos García Bayón, Alfredo Conde, Bernardo Víctor Carande, Antonio Odriozola, Raimundo García Fernández, Adolfo Prego, José Montero Alonso, Rafael Landín Carrasco, Julio Sierra, Xesús Ferro Ruibal, Arturo Lezcano Fernández, Santiago Castelo, Torcuato Luca de Tena, Carlos Casares, Miguel Ángel Cuadrado, Juan Manuel de Prada Blanco, Diego Bernal López, Alfonso Eire López, César Casal González, Miguel Suárez Abel, Manuel Rivas Barros, Manuel Jabois Sueiro, Marino Gómez Santos, Eugenio Fuente, Fernando Savater, Felipe Benítez Reyes, Andrés Trapiello, Pedro Ugarte Tamayo, Ángela Vallvey Arévalo, Ramón Pernas López, José Manuel Otero Lastres, Ángeles Caso, Luis Ventoso, Ignacio Camacho, Ramón Loureiro Calvo, Miguel Anxo Murado, Ricardo Fernández Colmenero e Cristina Sánchez Andrade, ganadora da pasada edición.
OS FINALISTAS
Noemí Sabugal (Santa Lucía de Gordón, León, 1979) é autora das novelas El asesinato de Sócrates, finalista do Premio de Novela Fernando Quiñones e elixida para representar a España no XI Festival Europeo de Primeira Novela de Budapest; Al acecho, ganadora do Premio de Novela Felipe Trigo; e Una chica sin suerte, sobre a cantante de blues Big Mama Thornton. A súa última publicación é o ensaio Hijos del carbón (Alfaguara), no que se basea nos seus recordos como filla e neta de mineiros para contar a vida nas cuncas mineiras e, ademais, narrar as súas viaxes durante máis de tres anos polas zonas carboníferas de España. Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, obtivo o Premio de Xornalismo de Castilla e León Francisco de Cossío pola reportaxe «De cruce de caminos a cruce de culturas», sobre a inmigración no barrio leonés do Crucero.
Luís Pousa Rodríguez (Lugo, 1971). Doutor en Matemáticas pola Universidade de Santiago, ampliou estudos na University College Dublin e a Universitat de Barcelona. É profesor de Fundamentos Matemáticos en Arquitectura. Desde 1996 dedícase profesionalmente ao xornalismo, primeiro en El Ideal Gallego e, a partir do 2000, en La Voz de Galicia, onde foi xefe das áreas de Cultura e Opinión. No 2015, gañou o Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. Sinatura habitual do suplemento Papel Literario, do diario venezolano El Nacional, colaborou, entre outros medios, coa revista Jot Down, a Radio Galega e as cabeceiras Excelente e Rolda, do grupo Iberia-IAG. Debutou na literatura co poemario El ombligo del mar e gañou a novena edición do premio literario Fernando Arenas Quintela coa novela La noche de las palabras (Edicións Areas, 2009).
Marta Villar (Malpica, 1973) é xornalista no diario La Opinión da Coruña (Grupo Prensa Ibérica) desde 2001 ata a actualidade. Anteriormente desenvolveu o seu labor profesional no Faro de Vigo, Televisión de Galicia e Radio Televisión de Compostela. Galardoada co Premio Tiflos de Xornalismo 2020, é tamén autora do poemario Poemas confinados. Las alitas agripicantes no vuelan, publicado a través de Amazon en abril de 2020. É autora, así mesmo, dun proxecto audiovisual sobre a lingua que se perde, palabras e expresións que recordamos dos nosos avós e que xa non se usan, publicado na web de La Opinión da Coruña.
JULIO CAMBA
Julio Camba (Vilanova de Arousa, 1884 - Madrid, 1962) pertence á estirpe dos grandes escritores que desenvolveron boa parte da súa actividade nos xornais, do mesmo xeito que Wenceslao Fernández Flórez, Josep Pla, Azorín, Álvaro Cunqueiro, Max Aub... Personaxe de biografía viaxeira, correspondente en distintos países, autor de espírito libre e talante liberal, a súa obra foi recollida en diversos volumes e é estudada tanto nas facultades de Literatura como de Xornalismo. Entre os seus títulos máis coñecidos destacan Haciendo la República (1934), Aventuras de una peseta (1942), La ciudad automática (1942), Alemania, impresiones de un español (1947), La rana viajera (1947), Un año en el otro mundo (1959), La casa de Lúculo o El arte para comer (1961), etc. A súa obra caracterízase pola imaxinación e o humor, a capacidade de observación e un espírito crítico, literario, que captura o lector con intelixencia e extraordinaria eficacia, valores que se procuran mediante a convocatoria deste premio.