Os artistas participantes ofrecen en Afundación unha visita guiada á mostra «Unha viaxe solidaria e creativa á vida»
Os artistas que participan de forma altruísta coa exposición colectiva «Unha viaxe solidaria e creativa á vida» ofrecerán mañá na Sede Afundación da Coruña, ás 12.00 h, unha visita guiada aberta ao público en xeral co obxectivo de promover a adquisición das obras expostas. Un ano máis, Afundación, a Obra Social de ABANCA, colabora con este proxecto expositivo colectivo para a que cederon as súas obras máis de 50 debuxantes, pintores e escultores galegos para recadar fondos en beneficio do programa «Viaxe cara á vida» organizado pola ONG Terra de Homes.
Na exposición participan artistas coma Olga Comba, Rosa Guisán, Xermán Rodríguez, Ánxeles Pena, Javier Garaizabal, Chelo Ferreiro ou Daniel Muíños, cuxas obras se poderán adquirir para colaborar con este proxecto ata o vindeiro 22 de xuño.
O PROGRAMA «VIAXE CARA Á VIDA»
«Viaxe cara á vida» é un programa sanitario promovido pola Fundación Tierra de Hombres, que facilita desde 1995 o traslado a España de nenas e nenos procedentes de países africanos cun baixo índice de desenvolvemento, entre eles Togo, Benín, Mauritania, Senegal, Marrocos e Guinea Conakry, para ser intervidos de diferentes e graves patoloxías que non poden ser atendidas nos seus lugares de orixe por falta de recursos e infraestruturas sanitarias adecuadas. Durante este período foron operados máis de 700 nenos e nenas, máis de cen deles en Galicia, de cardiopatías, queimaduras ou problemas traumatolóxicos e maxilofaciais. No proxecto colaboran de forma altruísta hospitais da sanidade pública e privada (en Galicia, o Hospital Materno Infantil da Coruña, Hospital Clínico de Santiago, o Grupo Hospitalario HM La Rosaleda de Santiago de Compostela e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo), equipos médicos, voluntariado e familias de acollida.