Afundación expón en Santiago os vestidos de Teresa Berganza que abraiaron o público e inspiraron á artista
Na colección de vestidos que a cantante lírica Teresa Berganza luciu sobre os escenarios entre 1950 e 2010 hai creacións dos mellores modistos do mundo da súa época: Pierre Cardin, Loris Azzaro, Enrique Caruncho, Christian Lacroix... Un total de 24 deses vestidos de quen, no seu día, foi considerada «a mezzosoprano do século» son o eixe central da exposición «O gardarroupa da música» que, desenvolvida pola Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, acolle desde este mércores a Sede de Afundación en Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19).
A presentación a medios tivo lugar esta mañá e contou coa presenza do director xeral de Turismo de la Xunta de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a coordinadora adjunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela; e o comisario e conservador del gardarroupa da mezzosoprano, Román Padín.
Ademais, e en paralelo á exposición, organízanse unha mesa redonda sobre o legado musical da intérprete e un concerto homenaxe no que a tamén cantante lírica Cecilia Lavilla Berganza, filla da mezzosoprano homenaxeada, interpretará as Cancións xacobeas que compuxo Antón García Abril para a súa nai.
Na exposición, que permanecerá aberta ata o 17 de agosto, tamén poden verse diferentes vídeos e unha selección de creacións artísticas inspiradas nas vestimentas que usaba nos seus concertos. E é que os vestidos de Teresa Berganza influíron tanto no público como en artistas plásticos. Son parte da mostra, por exemplo, debuxos realizados polo mestre da pintura Rafael Cidoncha a partir das vestimentas da mezzosoprano, ou deseños de Pablo Pérez Sanmartín que recrean a Berganza interpretando o papel de Rosina en O barbeiro de Sevilla. Tamén se inclúen vídeos e fotografías de Joel Blanco, debuxos do arquitecto Alberto Fuentes Valcárcel ou un pano de seda deseñado por Sandra Parguiña, á parte de escenas líricas e dos vestidos da cantante.
Teresa Berganza (1933-2022) foi considerada unha das mellores voces líricas da súa época en todo o mundo. Durante décadas cantou sobre os mellores escenarios e coas mellores formacións orquestrais do planeta. Nos anos noventa, e grazas ás súas colaboracións co director de orquestra Maximino Zumalave, construíu unha relación especial co público galego da música lírica.
Actividades paralelas
Maximino Zumalave será, precisamente, un dos participantes na mesa redonda O legado artístico de Teresa Berganza, que se celebrará o vindeiro xoves, 20 de xuño, tamén na Sede de Afundación en Santiago, e en paralelo á exposición. Compartirá datos e reflexións coa musicóloga Rosa Fernández e o etnomusicólogo e director da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia Roberto Relova. Moderará a mesa o comisario da exposición, Román Padín.
Cinco días despois, o martes 25 de xuño, o Auditorio ABANCA (Preguntoiro, 23) acollerá o recital Cántame no peito. Acompañada polo pianista vasco Miguel Ituarte, Cecilia Lavilla Berganza interpretará as Cancións xacobeas, que Teresa Berganza levara ao escenario do Auditorio de Galicia en 1993 baixo a dirección do propio García Abril. Quen foi un dos máis celebrados compositores españois do século XX, creou esta peza a partir de textos literarios de autores galegos tanto contemporáneos como da lírica medieval. Tamén se escoitarán neste recital obras de Claude Debussy e Reynaldo Hahn.
Todas as actividades deste proxecto están incluídas no programa «Cultura por Alimentos», que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). O público poderá doar alimentos non perecedoiros ao acceder a cada un dos eventos nos contedores dispostos para tal fin. A asistencia o concerto é gratuíta, pero baixo reserva a través de Ataquilla.com.