
Siro percorre a historia autonómica de Galicia nunha mostra do Parlamento de Galicia na Sede Afundación da Coruña
A Sede Afundación da Coruña acolleu esta tarde o acto de inauguración da exposición «40 anos de Autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro» no que estiveron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; o presidente de La Voz de Galicia, Lois Blanco; e o artista Siro López. A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 15 de marzo e poderase visitar de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 h, e os sábados e festivos, de 12.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.
Esta exposición é un proxecto do Parlamento de Galicia que conta coa colaboración de La Voz de Galicia e Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a coordinación de Aser Álvarez que chega a Afundación despois de estrearse nas dependencias do Parlamento de Galicia no ano 2021. A mostra reúne unha selección de 230 viñetas políticas elaboradas por Siro López para La Voz de Galicia entre os anos 1985 e 2006 nas que se recordan os momentos de maior transcendencia política de Galicia e os seus protagonistas. Tamén se exporán pezas relativas á primeira lexislatura autonómica (1981-1985) e unha decena máis de debuxos inéditos sobre os últimos anos da política galega.
Para contextualizar os debuxos de Siro, algúns estarán acompañados dalgunhas portadas de La Voz de Galicia que dan testemuño dos asuntos abordados polo artista nas súas viñetas.
Esta exposición está incluída no programa solidario «Cultura por alimentos» que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). O público asistente poderá doar alimentos non perecedoiros ao acceder á visita nos colectores dispostos para tal fin.