Afundación presenta unha orixinal mirada a Picasso a través dos grandes nomes do cómic actual
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta desde este xoves na súa sede de Santiago a exposición «Picasso protagonista», unha orixinal mirada á figura e obra deste artista universal, no ano en que se conmemora o cincuenta aniversario do seu falecemento. A mostra, comisariada polo especialista en cómic Asier Mensuro, rende homenaxe a un dos artistas crave da vangarda do século XX e icona da modernidade a través dun orixinal percorrido por máis de 170 pezas, moitas delas concibidas expresamente para esta exposición. Unha vez máis, Afundación promove a linguaxe da ilustración e o cómic, como veu facendo nos últimos anos con proxectos como a «Mostra de Ilustración Contemporánea», nas súas diferentes edicións; o «Festival Internacional de Cinema de Animación Imaxinaria»; a exposición antolóxica de David Rubín en Ourense e A Coruña; ou a incorporación aos fondos da súa Colección de Arte, en 2017, dun cómic de Jacobo Serrano.
As imaxes están dispoñibles na seguinte ligazón.
«Picasso protagonista» propón unha reflexión coa que profundar no mito de Picasso e entender como se integra no imaxinario colectivo da cultura española do noso tempo. Con tal propósito, está representado o traballo de 40 recoñecidas autorías galegas e españolas, en cuxas viñetas e creacións de moi diversos soportes percíbese a pegada do gran Picasso. Convivindo coas clásicas historietas en papel, móstranse cómics en lenzo, obras en gran formato, cómics despregados no espazo, instalacións específicas ou xogos de mesa experimentais.
A presentación tivo lugar esta mañá, ás 10.30 h, na Sede Afundación de Santiago coa presenza de Asier Mensuro, comisario da exposición; Javier Gai Lorente, artista de cómic e autor da instalación Site specific; Óscar Raña, artista e ilustrador experimental; Chyntia Alfonso, artista e ilustradora experimental; Tony Fernández Pons, autor de cómics Disney, quen realizou unha peza en directo no acto de presentación e a coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación, Paloma Vela. A mostra poderase visitar ata o próximo 8 de setembro de luns a sábado en horario de 12.00 a 14.00 h e de 16.30 a 20.30 h.
A EXPOSICIÓN
Paco Roca, Eneko, Ángel de la Calle, Javier Olivares, María Herreros, Tony Fernández Pons, Laura Pérez Vernetti, Idígoras e Pachi, e as creadoras e creadores galegos David Rubín, Jacobo Serrano, Cynthia Alonso ou Óscar Raña, son algunhas das prestixiosas autorías que compoñen este orixinal e inédito retrato sobre o pintor malagueño. Unha relación que acolle numerosos premios nacionais de cómic, distinguidos co Premio Nacional de Ilustración, gañadores e candidatos a premios Eisner, ilustradores de The New York Times, Cómics Disney, Angry birds ou El Jueves, entre outras importantes plataformas. En definitiva, nomes de referencia que permiten realizar unha análise rigorosa e innovadora sobre a figura de Pablo Picasso na creatividade do século XXI.
O percorrido expositivo estrutúrase en varias seccións que mostran unha lectura do artista a través de distintos enfoques:
• «O mito de Picasso», que mostra a súa carreira como artista, a súa encarnación como mito da xenialidade e vangarda, ou a súa figura como icona pop do noso tempo.
• «Picasso e outros artistas», que aborda a súa relación con outros pintores coetáneos como Dalí, Miró ou Duchamp, achégase á figura de pintores anteriores a el, que admiraba e cuxas influencias se perciben nas súas propias creacións como El Greco, Velázquez e Goya, e presenta, finalmente, artistas posteriores ao malagueño e asociados a el nas obras dos historietistas, como Eugenio Merino ou o Nido de Elche.
• «A guerra civil española e Guernica», que trata o posicionamento de Pablo Picasso a favor da República durante o conflito bélico, e en especial a súa obra máis recoñecida, Guernica.
• «Grafismos e linguaxes» presenta os diversos estilos pictóricos que o artista crea ao longo de toda a súa carreira e, en especial, a súa participación na creación da linguaxe cubista.
• «Iconas picassianas e herdanzas gráficas» aproxímase á utilización por parte dos historietistas españois actuais de diversas iconas procedentes dos lenzos de Picasso e á influencia nas súas obras do estilo do xenio da vangarda.
• «Outra visión sobre Picasso» que mostra a diferente percepción do mito de Picasso fóra de España a través da mirada do importante historietista arxentino Liniers, autor da tira de prensa Cousas que, se cadra, lle pasaron a Picasso.
INNOVACIÓN E INSTALACIÓNS ESPECIAIS
A exposición acolle distintas pezas realizadas especificamente para este proxecto como unha instalación de Gai Lorente, cunha ilustración de máis de 5 metros onde recrea o Guernica descomposto nos seus diferentes elementos conseguindo unha peza sorprendente na que mergullarse. Tamén Pedro Cifuentes, gañador do Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento, achega un panel deseñado para esta mostra no que resume, con linguaxe de cómic e nunha soa escena, as máis importantes facetas vitais e artísticas de Picasso. A ilustradora María Herreros traballou nun espléndido lenzo de grandes dimensións a historia «Cantos picassos se perderon en nenas do arrabalde». Toni Fernández Pons, autor de varios cómics para Disney, realizou unha revisión do Picasso Quatre femmes da Colección ABANCA desde a mirada do grande estudio de animación. Manu Gutiérrez propón unha peza experimental que evoca un xogo de mesa, con estética e iconografía picassiana, composto por taboleiro, dados e pezas. Os galegos Óscar Raña e Cinthya Alonso abordan en clave expresionista e en linguaxe abstracta unha mirada moi persoal á iconografía picassiana obtendo un díptico de gran forza expresiva; e Jacobo Fernández Serrano realizou, para esta mostra, unha espléndida peza en tres tempos, nos que a forza creativa do pintor malagueño atravesa o filtro do xenial ilustrador galego.
A innovación tecnolóxica está presente tamén na mostra coa actividade «Ti, protagonista», un módulo de computación neuronal aplicada ao mundo da arte. Este sistema de intelixencia artificial analizou as diferentes etapas de Picasso para converter o seu estilo, trazados e gama cromática nun algoritmo que pode transformar, en tempo real, a imaxe dos visitantes nunha obra de arte dixital, adaptada á etapa elixida: rosa, cubista ou clasicista. Unha actividade lúdica na que pode participar todo o público que visite a mostra.
A mostra é parte do programa solidario de Afundación en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), «Cultura por alimentos», que convida o visitante a entregar a modo de entrada produtos non perecedoiros que se distribúen aos bancos de alimentos locais.