Afundación presenta unha viaxe polo universo do artista ecuatoriano Oswaldo Guayasamín en Lugo
Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración coa Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, presenta o proxecto expositivo «Oswaldo Guayasamín 1919-1999. Dúas series. Dous aniversarios» na Sede Afundación de Lugo. A rolda de prensa tivo lugar esta mañá coas intervencións do director da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Xoán Pastor; a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela; e a Profesora Titular de Historia de América da Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Cagiao, comisaria da exposición, quen esta tarde, ás 19.30 h, ofrecerá unha visita guiada inaugural para a que é preciso inscribirse neste formulario.
A mostra poderase visitar na Sede Afundación de Lugo a partir de hoxe 26 de setembro e ata o vindeiro 11 de xaneiro, de luns a sábado en horario de 18.00 a 21.00 h.
«OSWALDO GUAYASAMÍN 1919 – 1999. DÚAS SERIES. DOUS ANIVERSARIOS»
Oswaldo Guayasamín é un dos artistas latinoamericanos máis destacados do século XX. Como artista conseguiu fusionar a forza da cultura das súas orixes coa estética das vangardas de comezo do século XX, especialmente do cubismo e do expresionismo, e cun forte compromiso social, froito da influencia recibida dos tres grandes muralistas mexicanos: Rivera, Orozco e Siqueiros.
A exposición, organizada no marco da celebración este 2019 do Ano Internacional das Linguas Indíxenas, expúxose desde unha perspectiva histórica, co obxectivo de achegarse á cultura dos pobos indíxenas americanos. Ademais, é o modo de Afundación de celebrar o centenario do nacemento do artista Oswaldo Guayasamín en Quito no ano 1919 e, á súa vez, conmemora o vixésimo aniversario do seu falecemento en 1999 en Baltimore.
O proxecto recolle dúas series de gravados do artista ecuatoriano, «De Orbe Novo Decades» e «Emociones», ambos os dous pertencentes á Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira. A primeira, realizada por Guayasamín na década dos oitenta, foi concibida para ilustrar unha edición facsimilar do libro homónimo de Pedro Mártir de Anglería, publicado orixinalmente no 1516. Estas litografías e augafortes, baseados no momento histórico no que se atopan dous mundos a raíz da conquista de América, acompáñanse na sala de extractos de crónicas da época de autores como Garcilaso de la Vega, Pedro Cieza de León, Juan de Castellanos, Pérez de Oliva e o propio Pedro Mártir de Anglería, quen inspira as obras, así como de cantares mexicanos ou das crónicas maias de Chac-Xulub-Chen.
Doutra banda, a serie «Emociones», denominada así pola propia Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, a través de 20 litografías realizadas en España polo pintor quiteño, achega ao espectador o mundo dos sentimentos, outra das súas principais preocupacións pictóricas onde, en palabras do propio Guayasamín, «puxen alí toda a miña alma e reflectín os temas máis eternos». Acompañan esta serie palabras vinculadas a emocións en linguas indíxenas como yolotl («corazón» en náhuatl), warmi («muller» en quechua) ou ljueze («amigo» en zapoteca), como unha maneira de evidenciar as pontes entre culturas.
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
Como complemento á mostra, a Obra Social de ABANCA organizou, entre outras actividades previstas, dous obradoiros de gravado a cargo da profesional Tita Fraga. Celebraranse os sábados 21 e 28 de decembro en horario de 11.30 a 13.30 h na Sede Afundación de Lugo. Trátase dunha actividade para todos os públicos e sen inscrición previa. A entrada e saída dos obradoiros será libre, permanecendo na actividade o tempo que cada asistente considere preciso dentro do horario previsto.
Ademais, a Área Educativa de Afundación deseñou unha serie de obradoiros dirixidos a toda a comunidade escolar que a día de hoxe conta xa con máis de 500 prazas reservados por centros educativos interesados en participar. Así, os estudantes desde infantil ata 3.º de primaria poderán participar na visita-conto Pachakuti wawakuna («Historias do pasado para nenos» en quechua); os escolares desde 4.º de primaria ata 2.º de ESO en Tinkukuy qhiswa («Encontros» en quechua); e os estudantes de 3.º e 4.º de ESO, bacharelato e ciclos formativos na visita taller Oswaldo Guayasamín. Máis información e reservas para participar en areaeducativalugo@afundacion.org ou no teléfono 982 289 096.