«O Camiño ilustrado», de Afundación e ABANCA, no Concello de Quiroga
. Afundación, ABANCA e o Concello de Quiroga inauguraron hoxe na Casa da Cultura de Quiroga a mostra «O Camiño ilustrado. Unha viaxe pintada por Alicia Aradilla». A este acto acudiron Julio Álvarez Núñez, alcalde de Quiroga; Óscar Rodríguez Rodríguez, coordinador institucional de ABANCA en Lugo; e a coordinadora institucional de Afundación en Lugo e Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano.
«O Camiño ilustrado. Unha viaxe pintada por Alicia Aradilla» recolle 30 acuarelas realizadas pola recoñecida ilustradora e autora de cadernos de viaxe que a día de hoxe conta con máis de 125 000 seguidores en Instagram. As ilustracións que conforman a mostra abordan o camiño cunha mirada nova, fresca e luminosa. A mostra permanecerá aberta desde 30 de marzo ata o 28 de abril na Sala de Exposicións Manuel María na Casa da Cultura en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.00 h.
Esta exposición enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.
Articulada en tres seccións fundamentais ―«O Camiño», «Os camiñantes» e «Compostela. A cidade e o seu patrón»―, e con textos explicativos do doutor en Historia e experto medievalista Feliciano Novoa, esta exposición, orixinada a partir da publicación El camino ilustrado de Editorial Planeta, trasladará o público ás distintas cidades monumentais que atravesa o Camiño de Santiago. Navarra, Burgos ou León, por exemplo, e a súa fauna e flora, conviven nunha mostra que homenaxea tanto o patrimonio cultural como o natural dunha ruta descrita como de conformación da esencia europea. É o Camiño de Santiago a senda de peregrinación con maior antigüidade e tránsito de toda Europa. Son centos de anos cativando todas as persoas que se animan a descubrilo e vivilo, o que explica que sexan moitos os e as artistas atraídos por el, e que o converteron en fonte de inspiración e temática da súa obra.
Como explica Feliciano Novoa, tradicionalmente entendeuse o Camiño como unha fonte de intercambio cultural, e este é un aspecto especialmente interesante no caso de Alicia Aradilla, porque as súas viaxes tamén se alimentan dese rico intercambio cultural que sucede cando se atravesan as fronteiras propias. Na mostra, dedícase unha sección para entender o vínculo entre a viaxe e a creación, que no caso de Aradilla é tan notorio. Hai tamén exposto material orixinal da autora, como un caderno de viaxe, ou pinceis e acuarelas que adoita levar na súa mochila cando viaxa. Tamén documentación audiovisual (fotografía e proxeccións), que mostran como a súa paixón polas acuarelas e a viaxe a levou a outras partes de España e do mundo.
Alicia Aradilla
En 2017 deixou a súa carreira para percorrer case 20 países durante un ano e poder recoller a súa experiencia en acuarelas. Froito deste periplo, realizou máis de 700 ilustracións nos seus cadernos de viaxe, que foi mostrando nas súas RRSS, onde actualmente ten mais de 125 000 seguidores da súa obra.
Considerada unha auténtica referencia no seu campo, comezou no mundo do urban sketch (debuxo en contorno urbano) en 2016, gañándose axiña o recoñecemento da crítica e público, e convertendo desde entón a acuarela e a tinta no seu medio para captar experiencias e plasmalas en papel. Deste modo, cada debuxo se impregna dunha historia, un concepto que entusiasma tanto a viaxeiros como a artistas.
Alicia Aradilla percorre os recunchos de distintos países cunha caixa de acuarelas na mochila, deténdose durante un bo anaco a retratar paisaxes no seu caderno. Ademais de Instagram, onde tamén sobe Stories nas que resolve dúbidas aos seus seguidores, ou ben making of da súa publicación diaria, a ilustradora condensa todas as experiencias na súa propia canle de YouTube.