A sostibilidade, o respecto ao medio ambiente e a interactividade mestúranse no proxecto expositivo «O noso planeta» de Afundaci
Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración con Netflix e Planeta, presentaron esta mañá na Sede Afundación de Vigo a nova aposta cultural da entidade, a exposición «O noso planeta». Esta mostra, reflexo do compromiso de Afundación coa sostibilidade e a protección do medio ambiente, está baseada na recoñecida serie homónima producida por Netflix que bateu todos os récords de audiencia da súa programación, superando a calquera serie ou película da súa carteleira.
O acto de presentación desta mañá contou coa presenza do experto no medio ambiente e reputado ecoloxista, Joaquín Araújo, quen describiu esta exposición como unha belísima tarxeta de visita da beleza deste mundo, e á súa vez, é un grito de auxilio, unha chamada de emerxencia ante a despiadada acción do ser humano. Extraviamos dun xeito imprudente o noso vínculo co esencial, e non nos queda moito tempo. Ninguén sabe canto exactamente, pero que é pouco é unha das máis absolutamente claras diagnoses da comunidade científica. Por iso calquera tipo de proposta que convoque a unha afiliación en favor da vida como a que hoxe fai Afundación en Vigo é absolutamente oportuna».
Tamén intervén o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, quen avogou por «comprometerse coa sostibilidade, unha implicación que é, finalmente, un exercicio de afecto e que determina a ética da vida, porque nada lle dá máis sentido á existencia que procurar deixar ás xeracións vindeiras un mundo mellor que o que nos foi entregado».
A exposición inaugurarase esta tarde coa conferencia «Planeta vida» de Araújo, ás 19.00 h na sede. A partir dese momento quedará aberta ao público ata o vindeiro 20 de xuño na Sede Afundación viguesa, onde se poderá visitar de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 h para o colectivo escolar previa reserva e de 17.30 a 20.30 h e os sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h. Ademais, realizaranse visitas guiadas os xoves ás 19.00 h.
O PROXECTO EXPOSITIVO «O NOSO PLANETA»
Esta mostra incide na importancia do coidado e do respecto ao medio ambiente como única vía para unha vida sostible. Seguindo os pasos da serie de Netflix, un proxecto coordinado por Alastair Fothergill e Keith Scholey e que conta coa locución de David Attenborough en inglés e de Penélope Cruz na versión española, a exposición percorre desde as minguantes selvas tropicais ata a sobreexplotada alta mar, ilustrando a destrución sen precedentes da natureza a mans do ser humano, pero dirixindo todas as esperanzas cara á súa incrible capacidade de recuperarse.
«Mundos de xeo», «Auga doce», «Praderías», «Desertos», «Bosques», «Selvas», «Litorais» e «Alta mar» son os oito apartados nos que se reparten as fotografías que compoñen a mostra e a través das que se ilustra a biodiversidade do noso planeta, sempre acompañadas por un parágrafo contextualizador. A proposta de Afundación consiste en presentar unha exposición cuxa visita se concibe como unha actividade experiencial, na que a interactividade e a realidade virtual son partes fundamentais. Así, a mostra conta nas súas diferentes seccións con elementos interactivos entre os que destacan un módulo de realidade virtual no que os visitantes poderán camiñar entre mamuts a través duns lentes, ou o módulo «O noso planeta virtual» que ofrece a oportunidade de percorrer o mundo utilizando tamén a tecnoloxía que ofrece a realidade virtual.
O compromiso de Afundación coa sostibilidade e o respecto ao medio ambiente motivou a realización desta mostra, xa que un dos principios fundamentais e transversais a toda a entidade reside, precisamente, en traballar conforme a un modelo máis sostible que condense a aspiración a unha vida máis digna en todos os sentidos posibles. Deste xeito, Afundación e ABANCA son entidades comprometidas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e procuran, nos seus diversos ámbitos de actuación, divulgar o principio de sostibilidade como motor das actividades que se realizan. Unha das últimas accións realizadas nesta dirección foi a sinatura dun acordo con Iberdrola polo cal toda a enerxía que ambas as entidades consomen nos seus edificios provén de fontes renovables. Pola súa banda, IESIDE foi a primeira institución de ámbito universitario en Europa integrada na UNEP FI (United Nations Environment Programme Finance Initiative) para a dinamización da sostibilidade en todos aqueles contextos vinculados coas finanzas e o mercado nos que poidan ter impacto as súas accións: a formación, investigación e seguimento da actualidade dos mercados financeiros de forma que garantan unhas finanzas sostibles.
«O NOSO PLANETA», MÁIS QUE UNHA EXPOSICIÓN
Os proxectos expositivos organizados por Afundación, a Obra Social de ABANCA, caracterízanse por transcender o estático concepto de mostra tradicional. No seu impulso como entidade dinamizadora da cultura e da formación, Afundación busca levar as exposicións máis aló das salas que as acollen e apelar á participación da sociedade nas diferentes actividades que deseña con cada proxecto. Deste xeito, organizouse un completo programa de actividades nos que o noso planeta e a súa sostibilidade son o centro e que comezarán o propio día da inauguración coa conferencia «Planeta vida» a cargo de Joaquín Araújo, un referente na divulgación ambiental e símbolo do movemento ecoloxista. Nesta charla abordará os retos aos que nos enfrontamos por mor das serias alteracións ás que os seres humanos sometemos o noso planeta. Agricultor de profesión, leva plantados ao redor de 25 000 árbores, case un por cada día vivido. O seu labor de divulgación ecoloxista e de compromiso coa sostibilidade como mecanismo para unha vida digna valeulle numerosos recoñecementos mesmo a nivel internacional, entre eles, o prestixioso Global, concedido pola ONU, e o Wilderness Writing, do que é o único español galardoado.
Dentro das propostas audiovisuais deseñouse o ciclo de cinema «Cinema e natureza». A princesa Mononoke, Mañá, Alma salvaxe, Wall-E e A viaxe do emperador son os filmes nos que se tratará a relación, en ocasións contraditoria, do ser humano co medio no que vive. As proxeccións serán o 13, o 20 e o 27 de abril, e os días 4 e 11 de maio, todas elas ás 19.30 h.
Na liña dos cursos de cociña que de maneira habitual organiza a Obra Social de ABANCA, nesta ocasión preséntase «Cociña en familia: Alimentación para un planeta sostible», que inclúe unha visita guiada á mostra. Partindo dos programas interxeracionais como mecanismos de cohesión social e de consolidación do respecto entre xeracións, deseñouse este curso no que a sostibilidade marcará a selección de materias primas para o menú que se elabore. Impartirase os días 4, 18 e 25 de abril, en horario de 11.00 a 13.30 h e as inscricións pódense formalizar na web Ataquilla.com.
Ademais, esta proposta compleméntase coa posibilidade de asistir a Naturnova, o Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, un museo interactivo no que maiores e pequenos poderán visitar máis de 30 módulos tecnolóxicos e interactivos, 3 salas e un simulador submarino en 3D a través dos que se achegarán ao fondo do mar, camiñarán sobre a auga ou mesmo terán os planetas ao alcance da súa man. Naturnova está aberto os sábados de 17.30 a 20.30 h para público xeral e para centros escolares, de martes a venres en horario de 10.00 a 14.00 h.
E como xa é habitual nas exposicións de Afundación, a Área Educativa da entidade deseñou unhas didácticas sobre esta mostra para a participación de centros escolares de Vigo e arredores. Antes da apertura da mostra xa se reservaron preto de 2000 prazas para a participación de alumnos e alumnas de todos os ciclos educativos.