Afundación presenta en Lugo «Lume», a súa nova proposta expositiva para reflexionar sobre a problemática dos incendios forestais
Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración co Colectivo OLLO, presenta en Lugo o seu novo proxecto expositivo, «Lume. Imaxes dunha Terra que arde». Trátase dunha mostra fotográfica de rúa enmarcada na estratexia de sostibilidade transversal da organización, conformada por un total de 13 paneis con fotografías realizadas durante os últimos 15 anos en Galicia por profesionais da imaxe co obxectivo de abordar unha das problemáticas máis preocupantes dos ecosistemas galegos: os incendios forestais. A través das imaxes e da peza audiovisual que conforman «Lume. Imaxes dunha Terra que arde» trázase unha narrativa sobre os incendios forestais que apela ao espectador, xerando nel preguntas e respostas, dun xeito sensible pero reflexivo, acerca das causas e das consecuencias desta lacra que cada verán asola Galicia.
A mostra, que tamén conta coa colaboración do Concello de Lugo, poderase ver na Praza Maior desde hoxe e ata o vindeiro 5 de novembro.
A EXPOSICIÓN «LUME. IMAXES DUNHA TERRA QUE ARDE»
Os incendios forestais son un dos grandes problemas ambientais aos que se enfronta Galicia. A través da mirada íntima dos fotoxornalistas e as sensacións que as súas imaxes trasladan, o obxectivo é apelar directamente ao espectador para, a través das emocións, implicar á cidadanía na busca da solución a este desafío.
Os autores e autoras son profesionais da fotografía e do audiovisual independente, que desenvolven o seu traballo para diferentes medios galegos e nacionais, mais desenvolven un labor fotográfico paralelo máis persoal enfocado cara ao documentalismo pausado. Vanessa Casteleiro, Óscar Corral, Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Adra Pallón, Óscar Pinal e Paula Quiroga son os nomes que están detrás das imaxes que conforman a exposición. Trátase de escenas impactantes, que amosan as sensacións da experiencia vivida pola poboación que tivo que sufrir un incendio, así como da experiencia dos traballadores e traballadoras implicados nos labores de extinción, invitando así a crear un espazo para a reflexión.
O novo panorama medio ambiental que se nos está a presentar, así como a propia acción do ser humano no territorio, contribúen a alterar os réximes dos incendios. Así, debemos traballar conxuntamente nunha mirada renovada fronte o lume, aportando novas liñas de traballo alén da extinción na que a implicación cidadá é vital. A experiencia demostra que poñer o foco na sensibilización e prevención axuda a que a poboación este máis preparada e as paisaxes sexan máis resistentes ante o lume.
Como é habitual nos proxectos expositivos da Obra Social de ABANCA, «Lume. Imaxes dunha terra que arde» vai acompañada dunha unidade didáctica para os escolares deseñada para traballar na aula dun xeito riguroso e divulgativo, co obxectivo de compartir coas novas xeracións as causas, consecuencias, perigos e boas prácticas, fundamentais para reducir a virulencia dos incendios nos montes galegos. Información, xogos, actividades e reflexións adaptadas ao alumnado de entre 5º de Primaria e 2º da ESO.
Tanto para a realización da exposición como da unidade didáctica contouse coa colaboración e asesoramento do proxecto «Plantando cara ao lume», coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela.
Imaxes das fotos expostas AQUÍ