ABANCA e Afundación presentan en Cuntis a exposición fotográfica «Fauna esencial»
A Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis acolle a exposición de fotografías de gran formato «Fauna esencial», un percorrido pola beleza e a fraxilidade das especies máis representativas da nosa contorna natural, unha iniciativa posible grazas á colaboración entre o Concello de Cuntis, ABANCA e Afundación. O acto de inauguración tivo lugar esta mañá e contou coa asistencia do alcalde do Concello de Cuntis, Manuel Campos; da tenente de alcalde, Concepción Campos; do concelleiro de Cultura do Concello de Cuntis, José Antonio González; da directora da oficina de ABANCA de Cuntis, María José Martínez; da coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela; e da coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores.
A mostra xa está aberta ao público na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres onde se poderá visitar ata o vindeiro 16 de xullo, ata o día 22 de xuño de 16.00 a 21.00 h e, a partir do día 24, en horario de 9.00 a 14.00 h.
Esta exposición é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
Tamén se enmarca no programa social «Cultura por alimentos», organizado en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, que anima o público visitante a realizar a súa visita achegando alimentos non perecedoiros, que serán destinados ao banco de alimentos local.
A EXPOSICIÓN «FAUNA ESENCIAL»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, propón esta exposición como un chamamento á acción e á reflexión para por en valor a diversidade dos animais salvaxes, recoñecer a súa importancia para a sostibilidade do noso planeta e asumir a responsabilidade da súa conservación. Nun mundo cada vez máis consciente da necesidade de preservar o medio ambiente, «Fauna esencial» inspíranos a valorar e respectar as especies do noso medio, garantindo así un futuro máis harmonioso e equilibrado para todas as formas de vida na Terra.
A exposición «Fauna esencial» é unha viaxe enriquecedora pola diversidade da nosa fauna. Está formada por 28 fotografías de gran formato realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, fotógrafo especializado en retratos naturais que colabora con numerosas publicacións especializadas. As imaxes van acompañadas de textos explicativos que recollen as características biolóxicas, do seu hábitat, costumes, alimentación, distribución xeográfica e os perigos aos que se enfrontan para a súa supervivencia. Para a súa elaboración participaron especialistas do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, que elaboraron unha información que comparte rigor e espírito divulgativo, accesible a todos os públicos.
Unha exposición con grandes retratos en primeiro plano dalgunhas das especies máis significativas da Península Ibérica coma o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado, o gamo, o cervo, a curuxa e a aguia imperial.