Afundación reúne nunha gran exposición retrospectiva as múltiples facetas de Luis Caruncho
Esculturas, pinturas, deseños en aceiro, pezas en madeira ou fotografías. É parte do que poderán ver os asistentes á exposición retrospectiva dedicada á obra de Luis Caruncho, «Geometria Mundi». Afundación organiza na cidade natal do artista unha exposición que permite aos visitantes realizar unha inmersión no mundo creativo do pintor e escultor a través de máis de 100 obras que concibiu durante sesenta anos de traxectoria. Desde as súas formulacións iniciais, cunha obra de 1949, a traballos de 2012.
A mostra, que se inaugurará esta tarde ás 19.00 h coa presenza do comisario, Juan de Nieves, a viúva de Luis Caruncho, Tatiana Ribic, e Pedro Otero, director xerente de Afundación, poderá visitarse ata o 17 de febreiro en horario de luns a sábados (festivos incluídos) de 12 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h. Enmarcada no programa «Cultura por alimentos», impulsado por Afundación en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), anima ao público para realizar a súa visita achegando alimentos non perecedoiros, que serán destinados ao banco de alimentos local.
A figura de Luis Caruncho (A Coruña, 1929 – Madrid, 2016) constitúe unha das personalidades de maior relevancia na escena artística e cultural española na segunda metade do século XX. As súas contribucións non só se cinguen á súa intensa actividade como pintor e escultor da chamada abstracción xeométrica ―ou do postconstrutivismo―, senón tamén ao seu labor como deseñador nun amplo rango de campos e, moi especialmente, nas súas continuas achegas desde e para a arquitectura. Ao longo da súa intensa actividade artística, Caruncho investigou incansablemente sobre a liña, o espazo e a cor, tanto na súa obra pictórica como nas súas esculturas e gravados, xerando un corpus de traballo baseado na repetición e as series, e todo iso desde unha estrita fidelidade ao principio reitor da xeometría como método para interpretar o mundo. Con esa mesma visión, Caruncho proxectou e desenvolveu tamén os seus traballos de deseño, arquitectura, escenografía e interiorismo, sen establecer xerarquías entre a súa produción artística e as múltiples aplicacións no resto dos ámbitos nos que afondou.
«Caruncho. Geometria Mundi» expón un percorrido global pola obra de Caruncho en formatos diferentes: desde o óleo á técnica mixta, da pintura á escultura, da madeira ao aceiro… O espectador tamén atopará pezas de carácter documental que reflicten o universo creativo dun dos artistas máis coherentes e interesantes do panorama artístico español do século XX: fotografías, maquetas, debuxos ou múltiples publicacións, entre outros.
Tal e como expón o comisario da mostra, Juan de Nieves, a exposición foi construída emulando «o mesmo espírito» co que Luis Caruncho «viviu e traballou», indo «desde o micro ao macro». De Nieves destaca que o polifacético artista plástico coruñés disolveu coa súa obra «as fronteiras entre a arte con maiúsculas e as formas que nos acompañan na esfera cotiá, poñendo de relevancia, en definitiva, unha visión honesta e desprexuiciada sobre a función social da arte».
SALA METAFÍSICA
O percorrido que expón esta exposición retrospectiva de Luis Caruncho na sede da Obra Social de ABANCA na Coruña termina cunha aposta por ir máis aló na inmersión: a Sala Metafísica, coa que o espectador pode introducirse fisicamente no universo creativo do artista, a partir de obras, fotografías, obxectos de deseño e documentos.
A sala foi deseñada para a ocasión inspirada na obra de Caruncho Espazo metafísico, de maneira que o visitante viva a experiencia de acceder directamente ao mundo xeométrico do artista. Esta orixinal montaxe presenta documentación e información, visual e sonora, sobre o artista, de modo que vida e obra se funden nun mesmo espazo ante os ollos do visitante.
PRESENZA NA CORUÑA
Afundación dedica esta mostra, coa que conclúe a programación de exposicións de 2023 na súa sede da Coruña, a un dos máis importantes artistas coruñeses do século XX. Máis aló da importancia da súa obra, Caruncho deixou na cidade herculina o seu sinal de divulgador cultural e da arte co seu traballo á fronte do Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa (MACUF), así como en deseños presentes nalgúns edificios emblemáticos da cidade como no que foron as galerías comerciais de María Pita, ou a presenza da Torre de Hércules nunha das súas máis recoñecidas series, representada tamén na exposición.
As obras que se poden ver na exposición pertencen a coleccións particulares, Colección Afundación e Colección ABANCA, cun importante protagonismo na mostra de obras propiedade da familia de Caruncho.
OFERTA DIDÁCTICA
Para achegar a personalidade artística e a mirada xeométrica de Caruncho ao colectivo escolar, Afundación deseñou unha oferta educativa que se completa con talleres de sustentabilidade e STEAM:
Visita conto con taller, infantil ata 4º Ed. Primaria | «Paxariñas a voar»
Visita con taller, desde 5º Ed. Primaria ata 2º ESO| «Arquitecturas pictóricas»
Visita comentada, 3º e 4º ESO, bacharelato e C.F. | «Caruncho. Geometria Mundi»
As imaxes da rolda de prensa están dispoñibles AQUÍ