A Sede Afundación de Lugo acolle a mostra retrospectiva dos corenta anos do Parlamento de Galicia
A Sede Afundación de Lugo acolleu esta tarde a inauguración da mostra «O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia / 1981-2021», que estará aberta ao público ata o próximo 8 de outubro, de luns a sábado de 17.30 a 20.30 h. A exposición traza un percorrido polas catro décadas de vida do Lexislativo galego, á vez que inclúe materiais relacionados coa configuración da autonomía galega. A esta apertura asistiron o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices; a coordinadora da área de Cultura de Afundación, Marité Cores; e Miguel Anxo Seixas, asesor da mostra.
O presidente da Cámara galega mostrou o seu agradecemento a Afundación por acoller esta exposición, como fixo previamente noutros lugares con actividades organizadas polo Parlamento. Expresou tamén a vocación de itinerancia desta mostra, programada para visitar as diferentes cidades galegas. De forma paralela, editarase un libro que fará repaso ás catro décadas de historia autonómica de Galicia.
Desde as dúas entidades involucradas no proxecto, destácanse os corenta anos de autonomía como unha historia de éxito colectivo, que, mediante esta exposición busca difundir o papel que o Parlamento desenvolve como institución na que reside o mandato democrático. Deste xeito, as imaxes que compoñen esta mostra destacan a vocación de acordos e a necesidade de entendemento entre posturas abertamente discordantes para conseguir fins necesarios que permitisen unha cohesión social encamiñada a consolidar a convivencia en democracia. Desde as imaxes dos primeiros e convulsos anos, ata as épocas máis recentes, o público poderá contemplar, e rememorar, como a palabra, o instrumento comunicativo por antonomasia, é o piar da democracia.
Na súa intervención, Santalices sinalou que estes 40 anos de autonomía «son unha historia de éxito colectivo, que se traducen nunha comunidade próspera, cunha elevada calidade de vida e uns servizos públicos satisfactorios; orgullosa de si mesma e os seus sinais de identidade; plenamente integrada na España constitucional e democrática; plenamente inserida, de feito e por dereito, nunha Europa que volve estar á altura das circunstancias, como xa o estivo desde os inicios da pandemia; e orgullosa dos seus vínculos coa Galicia da emigración e co mundo da lusofonía».
Para o titular do Lexislativo galego, incluír a Lugo no percorrido desta exposición «é unha obriga», dado que «cada unha das provincias e das cidades de Galicia son parte fundamental da Comunidade Autónoma e, por tanto, partícipes de pleno dereito do proceso autonómico que comezou paseniñamente e, catro décadas despois, está consolidado como un modelo viable e eficaz para xestionar os diferentes retos aos que nos enfrontamos cada día».
En opinión de Santalices, «nin a economía, nin a cultura nin a historia de Galicia se entenden sen as achegas desta cidade e desta provincia, achegas que nos remontan ao pasado, nomeadamente a Lucus Augusti, na Gallaecia romana».
A mostra inaugurada esta tarde en Lugo, concibida para rememorar as catro décadas de vida da primeira entidade de Galicia, foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, exrector desta mesma universidade e expresidente do Consello da Cultura Galega. Contou coa asesoría de Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX). O deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.