
Quen ve a xubilación como unha oportunidade e se prepara para ela, adáptase máis facilmente á vida posterior á etapa laboral
A maior parte das citas das persoas participantes, máis do 67 %, recollen unha adaptación á xubilación de forma exitosa desde o inicio. No resto dos casos, na etapa inicial do período vital que comeza ao termo da vida laboral, perciben unha diminución do seu benestar que se irá incrementando gradualmente. Esa situación revértese, en todo caso, «a medida que as persoas atopan novas fontes de propósito». É só un dos datos que achega o estudo Lonxevidade, cambios biográficos e benestar: a transición á xubilación, realizado pola Cátedra ABANCA – Afundación / ICADE sobre Lonxevidade, Economía e Sociedade. O informe aborda as implicacións da xubilación no ámbito emocional, relacional, de construción de identidade e propósito vital nesta etapa da vida adulta. De acordo a este estudo cualitativo, no que se escoitou as persoas que realizaron ou están preto de iniciar esta transición vital, prepararse para a xubilación permite adaptarse máis facilmente a esta parte da vida.
O informe foi presentado esta mañá na Sede de Afundación en Santiago de Compostela. Para desenvolver a investigación a partir da que se extraeron as conclusións, a Cátedra ABANCA – Afundación / ICADE organizou 14 grupos focais con 96 persoas usuarias dos espazos +60 que a Obra Social de ABANCA ten en toda Galicia, con idades comprendidas entre os 56 e os 91 anos. Participaron na presentación, Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación; Salomé Adroher, directora da Cátedra Lonxevidade, Economía e Sociedade de ABANCA-Afundación e ICADE; Rosalía Mota e Macarena Sánchez-Izquierdo, investigadoras principais do estudo; Dolores Pedrouso e María Rafaela Dopazo, socias dos espazos +60 participantes no estudo e Xosé Luís Liñares, responsable de estudos e avaliación da área de Maiores de Afundación.
A importancia da actitude previa e da planificación
De acordo ao estudo, a actitude previa ante a xubilación é un dos factores que máis inciden na maior ou menor facilidade coa que as persoas se adaptan á etapa que comeza cando conclúen a súa vida profesional. O 100 % das citas de quen a vía como unha fase de liberación, e o 50 % das que a percibían como unha oportunidade para o crecemento persoal e desenvolvemento de novos proxectos, mostran que se adaptaron de forma exitosa, conforme ao que o informe denomina «patrón de recuperación». Un 22 % das citas das persoas participantes no estudo recollen que, a priori, a xubilación xeráballes rexeitamento, debido principalmente ao doo polo rol laboral perdido. O proceso de adaptación é, neste caso, máis duro.
A capacidade de decisión sobre o momento da xubilación e a preparación anticipada son tamén cruciais para unha adaptación positiva. Unha xubilación sobrevida e forzada por circunstancias alleas, como conxunturas laborais, problemas de saúde ou demandas de coidado, vívese con rexeitamento. Por outra banda, aqueles que planifican actividades, xa sexa en continuidade con ocupacións previas ou explorando novas, enfrontan esta transición con maior satisfacción e propósito, evidenciando a importancia da preparación para mitigar os desafíos asociados con esta etapa.
Tal e como explicou o presidente de Afundación durante a presentación do informe, «na etapa da xubilación forzada e nos momentos previos a ela, experimentamos, sen dúbida, uns dos maiores desafíos do noso ciclo vital». Miguel Ángel Escotet subliñou a importancia de cultivar o propósito de vida, independentemente da etapa que se transite: «Tentemos vivir unha existencia na que as paixóns máis profundas se convertan nas nosas responsabilidades e deberes».
Pola súa banda, Salomé Adroher, directora da Cátedra incidiu na relevancia do traballo conxunto dos axentes sociais e anunciou que a partir dos achados deste informe «comezará a investigación de carácter cuantitativo, cunha enquisa a persoas de toda España. O noso obxectivo final é non só coñecer esta realidade, senón mellorala a futuro e por iso, á luz das conclusións, poñeremos en marcha un programa piloto de preparación para a xubilación.»
A relación co traballo e factores de xénero
No proceso de adaptación á xubilación tamén pesan outros factores como a identificación de cada persoa co seu rol laboral: a maior identificación, a transición adoita ser máis complexa. En contraste, quen non construíron unha forte identificación co seu rol laboral tenden a experimentar a xubilación como unha liberación ou unha oportunidade. Tamén hai diferenzas significativas segundo o xénero, tanto na asunción do cambio de vida como no tipo de actividades que desenvolven as persoas unha vez deixan de traballar. De acordo ao informe, o 65 % das citas de homes relacionadas con actitudes previas describen a xubilación como unha recompensa merecida tras anos de esforzo laboral. Mentres, o 40 % das expresións de mulleres con carreiras laborais e traxectorias profesionais significativas indican que percibiron a xubilación con rexeitamento inicial, debido á forte identidade que moitas desenvolveron co traballo. Con todo, aínda que inicialmente enfrontan maiores desafíos, as entrevistas mostran que as mulleres logran superar esta etapa e alcanzar o benestar emocional co tempo, evidenciando a súa capacidade de resiliencia.
As claves do benestar
A familia desempeña un papel crucial no benestar segundo declaran as persoas participantes. Neste ámbito, aínda que en moitos casos atopan satisfacción no coidado das netas e netos, subliñan a importancia de establecer límites. Así mesmo, contar cunha rede social sólida de amigos e veciños é fundamental para previr o illamento. Doutra banda, a capacidade de adaptarse, involucrarse en actividades recreativas, sociais ou comunitarias que sexan significativas para a persoa, e redefinir o propósito vital resultan esenciais.
Canto ás preocupacións nesta etapa, o medo para perder a autonomía física e mental é unha das máis recorrentes. Xunto a ela, as persoas participantes no estudo mencionan a seguridade económica, a perda de seres queridos e a soidade, o futuro das novas xeracións e o legado, ademais do cambio de valores. Doutra banda, maniféstase unha tendencia xeracional que representa unha nova identidade no proceso de envellecemento, marcada por un desexo profundo de manter o control sobre as súas vidas nesta etapa.
Programa piloto
O proxecto que deu orixe á investigación Lonxevidade, cambios biográficos e benestar: a transición á xubilación xorde da experiencia e reflexión concreta de Afundación. O estudo trata de desentrañar os cambios vitais significativos nas etapas máis avanzadas da vida adulta, enfocándose en analizar as implicacións da xubilación en diferentes ámbitos da vida, e en explorar oportunidades e riscos percibidos. Tamén analiza cales son os factores sociais, familiares e persoais que contribúen a unha boa adaptación á xubilación.
Nesta primeira etapa do proxecto, abordouse a investigación cualitativa. Os resultados son os que forman parte do informe Lonxevidade, cambios biográficos e benestar: a transición á xubilación. O traballo continuará en 2025 cunha investigación de carácter cuantitativo, e culminará co desenvolvemento dun programa piloto de preparación á xubilación.
Abordar os retos da nova lonxevidade e desenvolver propostas que promovan o envellecemento activo e saudable é un dos catro eixes principais de actividade de Afundación. Os espazos +60 teñen máis de 13.000 persoas usuarias e constitúen un laboratorio de excepción para investigar as vivencias das persoas maiores nesta etapa, desenvolver e testearlas con elas novas propostas.