Estudantes da UIE convocados por Afundación retiran 5 toneladas de unlla de gato da contorna do faro de Corrubedo
Os 140 estudantes e profesores da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) participantes na xornada de voluntariado medioambiental convocada por Afundación conseguiron retirar durante a mañá de hoxe máis de 5 toneladas Carpobrotus edulis da contorna do faro de Corrubedo. Esta especie exótica invasora, popularmente coñecida como unlla de gato ou herba do coitelo, adoita a establecerse en moitos lugares da costa, sobre todo nas zonas de dunares e nos cantís, impedindo o crecemento da vexetación autóctona por mor do seu efecto tapizante sobre os solos nos que se instala. A actividade enmárcase, así mesmo, no programa académico da UIE que reforza a conexión entre os ámbitos educativo, laboral e social e destaca na promoción de actividades de voluntariado entre os seus estudantes.
O Parque natural complexo dunar de Corrubedo, e lagoas de Carregal e Vixán, no que se desenvolveu a actividade, é un dos tesouros naturais da comunidade, motivo polo que a Obra Social de ABANCA, cumprindo co seu compromiso de inculcar na sociedade a necesidade de protexer estes recursos co fin de promover a súa conservación e garantir o seu uso e desfrute para as xeracións futuras, decidiu levar a cabo esta actuación neste espazo protexido. Esta é a segunda acción en 2024 nesta contorna onde, no mes de xuño, coincidindo co Día do Medio Ambiente, se desenvolvera unha actuación similar, enfocada daquela á retirada de piñas e de máis dun milleiro de plántulas de pino dunha zona na que a proliferación desta conífera está a poñer en risco a mobilidade natural da duna.
Tras a xornada de hoxe, son xa máis de 10 as toneladas de flora exótica invasora retiradas de diferentes enclaves costeiros polo voluntariado de Afundación no marco de PLANCTON. Un proxecto no que se recolleron tamén, desde o seu inicio en 2021, 80 toneladas de lixo mariño grazas a participación de máis de 3000 persoas voluntarias, que dedicaron máis de 12 000 horas a este tipo de actuacións na procura dun ben común: a conservación dos ecosistemas mariños e costeiros e as especies que neles habitan.
As próximas actuacións previstas dentro do programa PLANCTON serán no mes de setembro, entre elas, unha xornada de retirada de lixo mariño en diferentes areais da Illa de Sálvora que contará coa colaboración do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
As imaxes da xornada están dispoñibles nesta ligazón.
Máis sobre PLANCTON