
Estrea da serie dixital en galego, Pulp Air, na Sede Afundación A Coruña
O vindeiro venres 1 de marzo ás 19.00 h, a Sede Afundación A Coruña acollerá a estrea da serie dixital Pulp Air, unha comedia en galego producida por Henfunk Studio. Finalista a Premio de Proxecto en Galego no Festival Carballo Interplay 2021 e realizada coa Subvención á Produción da Axencia de Industrias Culturais, a serie conta as aventuras de Pulp Airlines, a aeroliña galega con máis personalidade de todo o firmamento. Un mockumentary que mostra o día a día desta peculiar compañía tras unha nova fichaxe que chegou para sacudir os seus cimentos.
O material gráfico está dispoñible aquí.
A comedia, rodada na súa totalidade na provincia da Coruña, conta cun reparto coral que inclúe nomes como o cómico Pablo Meixe ou as actrices Isabel Garrido, Lucía Veiga e Mayka Braña. A produtora, Henfunk Studio é un proxecto creativo especializado en produción audiovisual e creatividades para medios dixitais na Coruña. A partir da estrea na Sede Afundación A Coruña, tocará o circuíto por festivais para, a continuación, xa dar ao paso á visualización de todos os públicos.
As últimas prazas dispoñibles para este evento pódense reservar en Ataquilla.com, e a entrada será a cambio da doazón de produtos non perecedoiros que se entregarán no vestíbulo da Sede Afundación A Coruña nos colectores habilitados ao efecto. Este evento está incluído no programa solidario de Afundación «Cultura por alimentos», unha iniciativa solidaria que se desenvolve en cooperación con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e grazas a ela colabórase cos bancos de alimentos locais no labor que levan a cabo.